Será este venres 23 de maio.
Este venres 23 de maio, Ribadavia converterase no epicentro do baile afrolatino coa celebración do congreso OUbaila, un evento que combina formación e práctica social arredor de ritmos como a salsa, a bachata e a kizomba. O congreso, que forma parte do programa de fomento do deporte da Deputación Provincial de Ourense, ofrecerá unha intensa xornada de actividades na vila ao longo de todo o día.
A programación comezará ás 16:30 horas na Alameda de Ribadavia cunha clase aberta e gratuíta de roda de casino, dirixida polo recoñecido bailarín cubano Carlos Tarafa, pensada para que toda persoa que se achegue poida participar e iniciarse nestes ritmos.
A partir das 17:30 horas, as actividades trasladaranse ás instalacións do Club Artístico de Ribadavia, onde será necesaria entrada. Alí, ás 18:00h, o bailarín Diego Sánchez ofrecerá unha clase de bachata. Ás 19:00h, será a quenda dun solo de jazz coa artista Lainey Silver, seguido ás 20:00h dunha nova sesión de bachata con Carlos Nejarano. Ás 21:00h, Rui Bonfim encargarase de poñer a kizomba no centro da pista.
Despois dun descanso entre as 22:00h e as 23:30h, a noite retomarase con forza coa bachata de Mau e Joha, para continuar ás 00:30h coa kizomba da man de Nuno e Nagyla. Xa entrada a madrugada, ás 01:30h, arrancará a gran festa temática “Grease Night”, en homenaxe á mítica película musical. Para esta ocasión especial, o público está convidado a acudir vestido co estilo típico do filme.
A festa prolongarase ata as 04:30h da madrugada e contará coa animación musical dos DJs Bejarano e Juan Fernández, así como con diversos espectáculos a partir das 02:00h.
A entrada para as actividades no Club Artístico ten un prezo de 20 euros e inclúe unha copa. As entradas poden adquirirse no propio club.