Celébrase en Verín o sábado, 19 de xullo.
Extruga na Rúa 2025: Cultura urbana, deporte, música e gastronomía volven tomar as rúas de Verín nun festival gratuíto e aberto a toda a veciñanza.
A vila de Verín prepárase para acoller unha nova edición do Extruga na Rúa, o festival de referencia da cultura urbana no sur de Galicia, que este ano celebra a súa sétima edición cunha programación diversa, gratuíta e aberta a toda a veciñanza.
«O Extruga na rúa é xa unha cita consolidada no calendario estival de Verín, que combina deporte, arte, cultura urbana, gastronomía e lecer nun ambiente de convivencia interxeracional», salientou Barreira, concelleira de Turismo, Cultura e Festexos.
A xornada terá lugar o sábado 19 de xullo, dende as 11:30 da mañá ata ben entrada a madrugada, e converterá as prazas, rúas e espazos emblemáticos da vila nun auténtico escaparate de música, arte urbana, deporte e convivencia. Como novidade destacada, todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto, reforzando o carácter inclusivo e comunitario do festival.
Un programa diverso e para todos os públicos
O día comezará ás 11:30 horas cun escape room urbano na Praza do Concello da man de Camiñando Cara Atrás. Ao mediodía, a Praza Maior acollerá un obradoiro de break dance (12:00–14:00) para público infantil e xuvenil. A música arrancará co ambiente da sesión vermú no Bar Zurria (12:30–15:00) a cargo de Revolutionary Brothers ft. King Konsul.
A partir das 17:00 horas, a zona verde da Preguiza converterase no epicentro do movemento urbano con:
• Obradoiro de parkour (17:00–20:00 h)
• Competición Liga Xunta Break (17:00–20:30 h)
• Workshop de Livrecorte (18:00–20:00 h)
• Xogo de sacos para os máis pequenos (18:00–20:30 h)
• Batallas de freestyle da Ceiba Rimas (18:00–20:30 h)
• E un mercadiño urbano con foodtrucks (16:30–04:00 h)
O Escenario Principal acollerá a partir das 20:45 as actuacións musicais dunha selección de artistas que representan o mellor da escena urbana actual:
• Ceiba Rimas (Final) – 20:45–21:00 h
• 9 Louro – 21:00–21:30 h
• Kid Mount – 21:40–22:10 h
• Largo da Cumbia – 22:20–23:10 h
• Pappaquino – 23:25–23:55 h
• El Virtual – 00:10–01:00 h
• OBF & Sr. Wilson – 01:10–02:50 h
• Gea – 03:00–04:00 h