O fai cun renovado escenario.
O Teatro Principal de Ourense vén de presentar a súa programación para o segundo semestre de 2025, con máis dunha vintena de propostas variadas e de calidade que, ademais, coincidirán coa renovación deste espazo cultural da Deputación de Ourense tralas obras que están acometéndose e que supuxeron a instalación dun novo escenario, así como dunha nova pantalla de cine e un sistema de iluminación actualizado e máis eficiente. Teatro, música, danza, cinema e circo forman parte da variada programación prevista para a nova tempada.
Na presentación participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, que explicou en detalle todas as propostas que ofrece este espazo ata finais de ano.
César Fernández manifestou a súa gratitude a todo o equipo do Teatro Principal, así como ás administracións que cooperan coa Deputación de Ourense na posta en marcha desta programación, como é o caso de Agadic e a Universidade de Vigo a través do Campus de Ourense.
Ademais, o deputado de Cultura fixo referencia á “importancia en investimento en infraestruturas culturais”, como é o caso dos máis de 108.000 euros destinados á reforma do teatro. Tamén sinalou como “obxectivo estratéxico” da Deputación “garantir o acceso á cultura de calidade con programacións como a deste Teatro, que é a institución cultural de referencia na cidade, na provincia e referente en toda Galicia”, dixo Fernández.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, mencionou a calidade e a variedade das propostas que conforman a programación do Teatro Principal, “o faro da cultura en Ourense”.
Pola súa banda, o vicerreitor do Campus, Javier Rodríguez Rajo, fixo referencia á importancia do Teatro Principal para a vida do estudantado. “Esta cooperación axúdanos a ter promocións de estudantes máis formadas, achegándolles compañías de nivel a Ourense”, apuntou.
Programación
A programación completa xa está dispoñible na web teatroprincipalourense.com, así como a información da venda de abonos para este segundo semestre.
Será unha compañía ourensá a que estree o novo escenario coa obra «A metamorfose» que se representarán os días 4, 5, e 6 de setembro. Seguindo con setembro chega da man de «Dique» a danza o día 11; o teatro volve con dúas obras: «Los yugoslavos» (día 19) e «Guitón Onofre» (día 25). O Ourense Film Festival irrumpirá no Principal do 26 de setembro ao 5 de outubro.
A música e o teatro serán os protagonistas do resto do mes. As orquestras Filarmónica de Cámara de Colonia e a Filharmonía de Galicia actuarán os días 8 e 17, respectivamente, e o Blues Teatro Princial de Ourense será os días 11 e 12. Pola súa banda, o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) terá lugar do 16 ao 26 de outubro.
Rematará a programación semestral con dúas obras de teatro: «Nas nubes» o día 15 de novembro, e «Improvisación corta el cable rojo – etiqueta negra» o día 16 de novembro.