A presentación tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Este martes, 12 de agosto, as formacións actuaran en Allariz e Bande.
Os corenta anos das Xornadas de Folclore de Ourense iniciaron a súa andadura pola provincia con unha colorida e sinxela cerimonia inaugural, que este ano acolleu o Centro Cultural Marcos Valcárcel. As bandeiras dos seis países participantes foron portadas por representantes das agrupacións, agás a de Filipinas, xa que o grupo, por mor de horarios de chegada, non poido estar.
O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, felicitou aos organizadores pola «gran acollida” das Xornadas que definiu como “evento clásico do verán na provincia” e puxo en valor o seu «carácter dinamizador» xa que «enchen de vida o rural durante dez días».
Fernández tamén reivindicou a “cooperación” entre institucións e entidades para que un ano máis este evento cultural estea “máis que consolidado no panorama da música e a danza tradicional en Galicia”.
Por outra banda, deu a benvida aos grupos dos distintos países e convidounos a “desfrutar de cada recuncho da provincia», destacando o «espírito acolledor» das xornadas e da veciñanza ourensá.
Esta cita co folclore de diversas partes do mundo está organizada pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos que acollen este evento.
Ata o próximo 21 de agosto as agrupacións Huayra Muyoj de Arxentina, Ballet F. Municipal de Rancagua de Chile, Phicas of BC de Filipinas, Royal Tara Dance Academy de Irlanda do Norte, Folk Dance Ensemble Volynianka de Ucraína e ‘Tsumu’ de Georgia despregarán en 16 vilas ourensás un abano das músicas e bailes tradicionais dos seus países, en horarios de 20.30, 22.30 e 23.00 horas.
Allariz e Bande
A primeira cita das Xornadas na provincia será este martes, ás 20,30 horas, na Praza da Constitución de Bande cos grupos de Chile, Irlanda do Norte e Xeorxia.
O segundo encontro será no Campo da Barreira de Allariz, a partir das 22.30 horas, con Arxentina, Filipinas e Ucraína. Tódalas actuacións son gratuítas.