As agrupacións folclóricas  destacan “o agarimo” do público

Os lumes da provincia obrigan a suspensión do Festival en Verín, sendo o segundo día no que os compoñentes dos grupos de Arxentina, Filipinas e Ucraína non poderán actuar.

Os preto de 200 artistas que participan nesta edición das Xornadas de Folclore destacan “o agarimo” que reciben do público, a través dos cálidos e sonoros aplausos despois de cada actuación. Sinalan, ademais, estar “moi contentos” por poder participar neste evento cultural, o mais esperado do verán ourensán.

O lume obriga por segundo día consecutivo a cancelar as actuacións dos grupos de Arxentina, Filipinas e Ucraína. Os membros destas agrupacións sinalaron o seu pesar pola situación que se está a vivir na provincia e aínda que lles gustaría poder amosar o seu repertorio subliñaron “entender perfectamente a gravidade da situación e as prioridades”.

Onde si actuaron foi no parque do Malecón do Barco, onde desfilaron o Ballet Folklórico de Rancagua, de Chile, o PhilCAS of BC de Filipinas e o Volynianka Dance Ensemble de Ucraína.

Dance Ensemble de Ucraína
Este grupo foi creado no ano 1959 na cidade de Lutsk, no noroeste de Ucraína, próxima á fronteira polaca. É unha das poboacións máis antigas do país. O repertorio inclúe, sobre todo, danzas e coreografías creadas e baseadas no folclore da Polesia, rexión pantanosa que se estende por Ucraína, Bielorrusia e Polonia. Representa o ciclo festivo anual rural, conservador e transmisor da cultura popular do país. Tamén incorpora o folclore doutras rexións de Ucraína e bailes cosacos.

Venres 15 de agosto: Entrimo e Viana do Bolo
Arxentina, Filipinas e Ucraína levarán os seus repertorios ata a Alameda de Entrimo. O Festival comezará ás 20,30 horas.
Ás 22, 30 horas a Praza Maior de Viana do Bolo acollerá as actuacións das agrupacións procedentes de Chile, Irlanda do Norte e Xeorxia. Tódalas actuacións son gratuítas.