Unhas Xornadas de Folclore que se quedaron curtas

A vaga de lumes que asola a provincia cancelou a maioría dos espectáculos.

Desde que se organizaron as primeiras Xornadas de Folclore hai 42 anos, soamente en dúas ocasións se tiveron que suspender, foi no 2020 e 2021 e o motivo foi a pandemia da Covid19. Este ano non se suspenderon todas as actuacións, pero si a maioría delas. Nesta ocasión a causa foi a vaga de lumes que asola a provincia o que impediu gozar dun espectáculo moi agardado polos veciños e turistas das 16 localidades nas que se celebran estas xornadas. Os lumes tan próximos ás zonas habitables fixeron tomar esa medida para previr calquera desprazamento, e tamén non respirar o fume que cubre a maior parte da provincia cun espectáculo que se da ao aire libre.
As xornadas comezaron cun cambio. A tradicional cerimonia de inauguración que ten lugar no Teatro Principal, este ano cambiouse para o Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense, debido á remodelación que están realizando no Principal.
Ao día seguinte, Bande e Allariz celebraron os seus espectáculos con normalidade, congregando a milleiros de persoas que puideron gozar dos bailes tradicionais de seis países distintos. Mentres en Bande participaron as agrupacións de Chile, Irlanda do Norte e Xeorxia; en Allariz o fixeron as de Arxentina, Filipinas e Ucraína.

Cancelacións
A partir do terceiro día das xornadas comezaron as cancelacións. Primeiro foi a de Manzaneda, día na que si actuaron en Maceda; no cuarto día suspendérase a de Verín seguindo adiante a do Barco; e na quinta xornada das xornadas, foi a de Viana do Bolo a cancelada, mentres que en Entrimo si que puideron gozar das actuacións de Arxentina, Filipinas e Ucraína. E ata aí as Xornadas de Folclore de Ourense 2025. Tras cancelar previamente tres actuacións nos días anteriores, a organización decidiu supender, nun primeiro momento, tamén as da Rúa e Trives, para, finalmente, suspender o resto de actuacións, incluídas as de todas as formacións en Ourense e Ribadavia. Ademais destas catro localidade -xunto coas tres primeiras suspendidas-, tampouco puideron acoller este evento as vilas de O Carballiño, Castro Caldelas, Xinzo de Limia e Celanova.

Seguridade
A seguridade cidadá está por enriba de calquera cousa e é algo que entenderon desde o primeiro momento os grupos participantes, que a pesar de querer bailar diante dous ourensáns, comprendían a decisión tomada.
A pesar das poucas actuacións, os grupos de Arxentina, Filipinas, Ucraína, Chile, Irlanda do Norte e Xeorxia, recoñeceron o cariño do público presente nos espectáculos que puideron levar a cabo.
Os preto de 200 artistas que participaron nesta edición das Xornadas de Folclore destacaron “o agarimo” que reciben do público, a través dos cálidos e sonoros aplausos despois de cada actuación. Sinalan, ademais, estar “moi contentos” por poder participar neste evento cultural, o mais esperado do verán ourensán.

Clases de baile
Ante a suspensión dos festivais nas distintas vilas, a organización puxo en marcha unha serie de obradoiros de baile como actividade alternativa para os compoñentes das seis agrupacións folclóricas participantes nesta 40 edición, na que intercambian danzas e ritmos. Así, as formacións puideron aprender os bailes dos outros países. Tamén participou Castro Floxo con algún membro que ensinaron os nosos bailes.

Exposición
A pesar da suspensión definitiva, a pegada das xornadas aínda se poder ver na mostra itinerante dos 40 carteis creados, durante estas catro décadas, por artistas ourensáns tan recoñecidos como Virxilio, Vidal Souto ou Alexandro e por fotógrafos destacados como Balvís, Doniz Vaquero ou Jorge Martínez.
A casa do Concello do Carballiño é o espazo expositivo no que se poderán ver os carteis do festival até o 1 de setembro, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas.
Esta actividade paralela programada pola organización chega á vila do Arenteiro despois de estar exposta no concello de Celanova e ata onte na casa de Cultura de Allariz, por onde pasaron arredor de medio millar de persoas. A exposición continuará o seu percorrido polas vilas de Ribadavia e Xinzo durante o mes de setembro.