Barbadás forma á rapazada no uso seguro das novas tecnoloxías

O espazo infantil do Concello acólleo ata o venres.

O espazo infantil do Concello de Barbadás acolle ata o venres o campamento dixital da Fundación Cibervoluntarios, unha iniciativa do Ministerio de Xuventude e Infancia para formar e sensibilizar á xuventude no uso seguro das novas tecnoloxías. O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, visitou a inauguración da actividade en compañía do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; a tenente alcalde, Victoria Morenza, e a concelleira de Mocidade, Noemí Pintos.

O campamento, dirixido a rapaces e rapazas de 9 a 17 anos, está deseñado para achegar ferramentas que faciliten a navegación segura no entorno dixital. “Consideramos que é esencial formar á nosa mocidade nas habilidades e ferramentas dixitais para atopar contidos de valor, navegar de xeito seguro e mesmo atopar oportunidades laborais”, explicou Xosé Carlos Valcárcel, quen recordou que son idades “clave” para aprender a utilizar as novas tecnoloxías. Nesa liña, Eladio Santos reflexionou sobre os riscos de internet: “É esencial dotar ás e aos máis novos de coñecementos para previr perigos nas redes sociais, identificar noticias falsas e frear calquera forma de discurso de odio na rede”.