O OUFF presenta a súa programación para este 30 aniversario

Premieres mundiais, cine galego de primeiro nivel e películas con toque social protagonizarán esta edición.

A 30ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) deu a coñecer a súa programación completa e presentou o seu catálogo en público. No acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel participaron o director artístico do festival, Óscar Doviso, o asesor de programación, César Silva, o programador do festival, Alberto González Araújo, e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández Gil.

Bono 10+
Como novidade nesta edición, presentouse o Bono 10+ para aqueles espectadores que merquen polo menos 10 entradas para algunhas as proxeccións de pago de Sección Oficial Internacional, Sección Oficial Panorama Galicia e Inédito en Ourense: Sos Argentina. “Ao completar as dez casillas do bono, este convértese nunha entrada para a estrea en exclusiva dunha película sorpresa” explicou Doviso, que tamén comentou que este filme poderá verse o venres 10 de outubro ás 20:30 horas no Teatro Principal. “Queremos premiar á xente que participa; trátase dun agarimo para que tamén se sintan especiais e parte do festival” concretou.

Despois Doviso fixo un breve repaso polas diferentes seccións do festival, como Cine Familiar, na que se proxecta unha película para toda a familia e que se organiza en colaboración co Centro Comercial Aberto, ou Made in Ou, da que explicou que “me sinto especialmente orgulloso por apoiar o talento e darlle visibilidades ós creadores ourensáns”. Tamén falou brevemente do OUFF Escola, Faíscas ou da Sección Oficial Curtametraxes, na que se recibiron máis de 900 obras, o que fixo complicada a escolla das 22 que entran en competición.

Despois da intervención do director artístico tomou a palabra César Silva, figura clave, que leva vencellado ó OUFF dende os seus inicios. O asesor de programación, tras facer un repaso polas seccións de Inédito en Ourense: Sos Argentina, Amal en Ruta e Colleita, foi o encargado de presentar as novidades da Sección Oficial Panorama Galicia. “Estamos no terceiro ano que se celebra e, por vez primeira, haberá voto do público nesta sección formada por 10 películas en competición, máis unha fóra de concurso da ourensana Zeltia Outeiriño, Filmei paxaros voando, que merece moito a pena” comentou Silva que, tamén afirmou que “na miña opinión persoal, a selección de Panorama Galicia é a mellor de tódalas edicións, xa que todos os cineastas que participan teñen algo que dicir”. A sección contará con dúas estreas a nivel Galicia e con dúas premieres a nivel mundial.

Na quenda de Alberto González Araújo, programador do OUFF, ademais de facer un repaso polas xa presentadas Agarimo e Xeración OUFF, anunciou por completo o listado de películas que formarán parte da Sección Oficial Internacional desta 30 edición. “As seleccionadas teñen todos os ingredientes que enchen sempre as salas de público, pero neste ano quixemos ir un pouco máis alá e aportar un prisma diferente dentro do cine social” explicou González Araújo, que tamén comentou que “seguimos apostando polos directores noveles, xa que a metade das películas son a súa primeira ou segunda obra, pero tamén temos directores consolidados como Jafar Panahi”.

O programador tamén contou que nesta sección competitiva todas as películas “son estreas en Galicia, pero ademais temos tres nacionais, un internacional e a premiere mundial de Extranjera, da que virá o seu equipo case ó completo a Ourense”. Tamén quixo invitar a todos a ir ó cine xa que “hai películas como Vida Privada, con Jodie Foster, que non se estrean ata final de ano, outras que non se poderán ver nos cines ata 2026 e outras sete películas que son tan exclusivas do OUFF que non teñen distribuidora en España e que de momento só se van poder ver aquí”.

Para finalizar o acto, Óscar Doviso quixo recordar “o esforzo dos patrocinadores, xa que sen eles isto non sería posible” e especialmente agradecer á Deputación de Ourense, antes de ceder a palabra a César Fernández. O vicedepresidente segundo da entidade ourensá explicou que para eles é vital “a importancia da cultura como elemento dinamizador, que foi polo que a Deputación de Ourense entrou a recuperar este festival, que esta edición vivimos con emoción propia”. Aproveitou a ocasión para “agradecer ás persoas que fan real esta edición o seu traballo, xa que nos van permitir iniciar este novo camiño con forza. Seguro que volverá ser un éxito”.