O Premio Calpurnia será para Daniel Guzmán

José Manuel Cancela e Charo Pena recollerán na gala inaugural os premios Chano Piñeiro e AISGE, respectivamente.

A 30ª edición do OUFF – Ourense Film Festival énchese de recoñecementos a figuras clave do audiovisual con tres premios que reflicten talento, traxectoria e visión creativa. Nesta ocasión, Daniel Guzmán será merecedor do Calpurnia de Honra, mentres que o Premio Chano Piñeiro será para José Manuel Cancela; o Premio Honorífico AISGE, para Charo Pena; e o galardón á Mellor Ópera Prima española, para a directora Avelina Prat.

Daniel Guzmán recibirá a Calpurnia de Honra do 30º OUFF como recoñecemento a súa traxectoria e o seu compromiso co cine social. A súa última obra «La deuda» será proxectada na clausura do Festival.

O Premio Chano Piñeiro, creado en 2021 destaca a figuras de Galicia vencelladas co audiovisual, será concedido a José Manuel Cancela, compositor de cine e televisión con cinco premios Emmy no seu haber, afincado en Los Ángeles pero que mantén un estreito vínculo con Galicia. Cancela traballou con artistas como Celia Cruz, Jennifer López, Marc Anthony e U2, e compuxo para producións como Creed, Focus, Ray Donovan ou The Last Narc. Para celebrar os 30 anos do festival, acaba de crear o OUFF Theme, que se estreará no concerto OUFF Film Symphony: Hans Zimmer Tribute o vindeiro domingo 28 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense.

Pola súa banda, a Fundación AISGE concede este ano o seu Premio Honorífico a Charo Pena, actriz e directora de dobraxe que deu voz a lendas como Meryl Streep, Jane Fonda ou Susan Sarandon. Por mor dunha serie de casualidades, inicia a súa carreira como actriz e directora de dobraxe, descubrindo unha vía para expresar a súa paixón polo cine e pola interpretación. Pena dirixiu a dobraxe de películas icónicas como Amadeus, A lista de Schindler, Harry Potter ou Puñais pola espalda, e dedicou décadas á docencia e á formación de actores no ámbito da dobraxe e da interpretación.

O festival tamén entregará o Premio á Mellor Ópera Prima española a Avelina Prat, arquitecta reconvertida en cineasta, pola súa película Unha quinta portuguesa. Tras unha sólida carreira como supervisora de guións xunto a directores como Fernando Trueba ou Cesc Gay, Prat brillou co seu debut Vasil (2022), premiado na SEMINCI e nos Premis Berlanga. O seu segundo filme, inspirado nunha historia real sobre identidade e migración, foi galardoado coa Biznaga de Oro no Festival de Málaga e nomeado no BAFICI, ademais de ser inscrito para representar a España nos Premios Oscar. Avelina Prat recibirá o galardón na proxección de Unha quinta portuguesa no marco do OUFF, o mércores día 1 no Teatro Principal.