O Premio á Mellor Dirección da Sección Oficial Panorama Galicia levará o seu nome.
Na súa 30ª edición, o Ourense Film Festival (OUFF) contará coa importante colaboración e o respaldo do selo Galicia Calidade, a marca de garantía que distingue produtos e servizos galegos pola súa excelencia, orixe e compromiso coa calidade. Como parte desta colaboración, Galicia Calidade dará nome ó galardón que premia á mellor dirección da Sección Oficial Panorama Galicia.
Así, nesta 30 edición, o Premio á Mellor Dirección na Sección Oficial Panorama Galicia asume o apelido Galicia Calidade. Segundo explica Méndez, «participar no OUFF é importante», para seguir dando «recoñecemento ó selo e os produtos certificados» e, ó mesmo tempo, «pon en valor o compromiso da Xunta de Galicia e da súa presidencia coa promoción dun dos festivais culturais máis destacados a nivel internacional».
Deste xeito, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, que será a responsable de entregar o galardón, destacou que se pretende «divulgar o valor que representa Galicia Calidade como selo de garantía». Falamos da «única certificación multisectorial existente a nivel nacional», un selo que avala tanto produtos como servizos. Así, esta é unha oportunidade única para dar visibilidade ós produtos certificados e permite explicar o valor real do selo, xa que «non é un distintivo accesible a calquera empresa: require o cumprimento de requisitos rigorosos, superar auditorías anuais e manter estándares elevados». Para as empresas que o posúen, é unha ferramenta poderosa, especialmente no ámbito da exportación, xa que identifica os produtos como galegos e de excelente calidade, símbolo de identidade, orgullo colectivo e motor económico para Galicia.
Galicia Calidade estará presente nas galas do OUFF · Ourense Film Festival e porá o broche final á clausura do festival, o vindeiro 4 de outubro, onde se poderá degustar algúns dos produtos certificados da provincia de Ourense elaborados por chefs da cidade que contan coa acreditación do selo.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Entre as novidades xa coñecidas desta 30 edición, destacan novas seccións como Xeración OUFF ou Agarimo, a residencia audiovisual para creadores mozos Faíscas ou o Bono 10+ para os espectadores que merquen polo menos 10 entradas para algunhas as proxeccións de pago de Sección Oficial Internacional, Sección Oficial Panorama Galicia e Inédito en Ourense: SOS Argentina.