O director Javier Veiga presentou o tráiler da súa película Playa de Lobos, que se proxectou como colofón da cerimonia inaugural do festival.
Ourense Film Festival celebrou a gala inaugural da súa 30ª edición cun espectáculo que combinou emoción, humor, música e reivindicación cultural. Presentada pola actriz Ruth Gabriel e o xornalista Iván Iglesias, a cerimonia tivo lugar nun escenario que evocaba a atmosfera cinematográfica, e contou con tódolos ingredientes necesarios para arrincar unha celebración do cine por todo o alto.
A gala comezou cunha cálida benvida por parte dos condutores, que alternaron galego e castelán nun diálogo áxil e cómplice. Ruth Gabriel, gañadora do Goya á Mellor Actriz Revelación por Días contados, expresou o seu entusiasmo por participar nesta edición tan especial, mentres que Iván Iglesias reivindicou o papel pioneiro do OUFF como primeiro certame internacional competitivo de Galicia. Os presentadores luciron estilismos deseñados polo creador ourensán Roberto Verino, engadindo un toque de elegancia e identidade local á gala.
Recoñecemento a José Manuel Cancela
Un dos momentos máis destacados da noite foi a entrega do Premio Chano Piñeiro ao compositor galego José Manuel Cancela, autor da banda sonora oficial desta edición. John Axiom, músico e DJ ourensán que realizará unha versión remix do tema que se fixo para o OUFF, foi o encargado de entregarlle o premio. Durante a gala, o público puido escoitar un adianto deste OUFF Theme, que será interpretado na súa totalidade o domingo pola Xove Orquestra Ourensanía nunha posta en escena memorable. Cancela, recoñecido internacionalmente con cinco Premios Emmy, recibiu o galardón tras a proxección dun emotivo vídeo sobre a súa traxectoria e vínculo con Galicia.
As seccións do festival
Durante a gala presentáronse as principais seccións competitivas do festival:
A Sección Oficial Internacional, que este ano aposta por unha selección máis ambiciosa e diversa de longametraxes de todo o mundo, incluíndo títulos premiados en Cannes e estreas exclusivas no OUFF. Optan a sete premios, entre eles o do público.
A Sección Oficial Panorama Galicia, que inclúe dez películas en competición, unha máis que na edición anterior. Esta sección consolídase como espazo fundamental para descubrir e celebrar o cinema galego, con estreas e recoñecemento a cineastas ourensáns.
A Sección Oficial de Curtametraxes, que recupera a proxección internacional e inclúe unha ampla variedade temática con especial énfase nas cuestións sociais.
Un festival que emociona e cuestiona
Óscar Doviso expresou a súa honra por asumir por primeira vez a dirección artística do OUFF, destacando que esta 30ª edición chega como «un soño feito realidade». Agradeceu o traballo do equipo e o apoio das institucións como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, subliñando que o festival está a reforzar sinerxías con entidades como a Academia Galega do Audiovisual, AGAPI, CIMA, a Fundación AISGE, a Universidade de Vigo e o CIFP A Farixa, entre outras. «Somos o festival internacional de cine competitivo máis lonxevo de Galicia e debemos estar á altura» afirmou.
Subliñou que esta edición conta cunha programación «valente e diversa, con historias que veñen de diferentes partes do mundo e dialogan co noso presente».«Esa é, precisamente, a razón de ser da nosa Sección Oficial: contar historias que importan, que cuestionan, que removen e que emocionan».
Premios, música e compromiso social
O segundo galardón da noite foi o Premio Honorífico de AISGE, que recoñece a traxectoria de intérpretes galegos e que foi entregado pola delegada da Fundación en Galicia, Isabel Blanco. Charo Pena subiu ó escenario emocionada a recoller este premio que honra a súa traxectoria como actriz e directora de dobraxe. A continuación, a música tomou o escenario da man de Bebe e Pablo Novoa, que ofreceron unha actuación sorpresa que puxo o broche artístico á cerimonia.
A gala rematou coa aparición do director Javier Veiga, que presentou o tráiler do seu filme Playa de Lobos, proxectado ao final da cerimonia. Ruth Gabriel e Iván Iglesias despedíronse agradecendo ao público a súa presenza e convidando a gozar do cinema e da programación desta nova edición do OUFF, que promete ser inesquecible.