O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, visitou o colexio CEIP Carlos Casares en Xinzo de Limia.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou no colexio CEIP Carlos Casares, no Concello de Xinzo de Limia, o programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe coa vacina intranasal nos centros educativos. Unha campaña de vacinación infantil que este ano, de xeito pioneiro, tamén inclúe aos nenos e nenas desde os 6 meses ata os 11 anos, o que supón aproximadamente 215.000 persoas en Galicia.
Na visita, o delegado territorial, acompañado do xerente e da directora de enfermaría da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba e Josefa Rodríguez respectivamente, explicou que as consellerías de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidade e FP, puxeron en marcha un programa piloto de vacinación antigripal por vía intranasal en 10 centros educativos da provincia de Ourense co que se busca chegar a máis de 2.700 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos.
Manuel Pardo detallou que os centros seleccionados na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras son os de CPR Pablo VI Fátima (A Rúa); CPI Plurilingüe Antonio Faílde (Coles); CPI Terras de Maside (Maside); CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño); CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar); CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín); e CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).
Tamén lembrou que nos colexios seleccionados se está a facilitar a vacinación de forma voluntaria aos alumnos de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. Deste xeito preténdese acadar unha cobertura do 70 % entre os nados entre 2014 e 2022. Nesta liña, aclarou Manuel Pardo, que en función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.
Na provincia de Ourense a vacinación infantil estará dispoñible en todos os centros de saúde e consultorios e o número de doses que está previsto utilizar para poder acadar os obxectivos fixados serían de aproximadamente 102.000 doses de vacina, das cales 10.845 serían as que irían destinadas a poboación infantil.
O representante do Goberno galego rematou incidindo que a finalidade última, de acordo coa campaña xeral de inmunización fronte á gripe, é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, tentando minimizar o impacto na saúde deles mesmos, das súas familias e de toda a poboación, mediante a prevención coa rotura da cadea de transmisión.