A utilización racional dos recursos naturais, tema do Concurso da Constitución

Aberto o prazo de presentación de traballos polos escolares ata o 14 de novembro.

A Subdelegación do Goberno en Ourense presentou 41ª edición do seu tradicional Concurso da Constitución, dirixido a estudantes de todos os niveis educativos da provincia. Nesta entrega, os traballos deben tratar sobre o artigo 45.2 da Carta Magna: “Os poderes públicos mirarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente, coa axuda da indispensable solidariedade colectiva”.

Na súa intervención, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, explicou a pertinencia do artigo escollido pola emerxencia climática e pola devastación que sufriu a provincia o pasado verán como consecuencia da vaga de lumes. “O territorio queimado este ano recórdanos o deber de coidar o noso medio natural”, subliñou.
O ano pasado concursaron 1.719 creacións de 22 centros de Educación Primaria e 11 de Secundaria. As bases foron enviadas a máis de 150 centros educativos da provincia de Ourense. O prazo de entrega finaliza o vindeiro 14 de novembro ás 14:00 horas.

Pola súa banda, o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, explicou a mecánica do concurso. “Os participantes de educación infantil, primaria e educación especial deben presentar un debuxo ou traballo artístico; mentres que os de ESO, bacharelato, formación profesional e universitarios poden escoller entre unha fotografía ou a elaboración dun vídeo de non máis dun minuto de duración”, detallou.

Premios
Os premios aos mellores traballos serán entregados no transcurso dun acto institucional, o día 6 de decembro para conmemorar a festividade da Constitución. Todos os galardoados recibirán un exemplar da Constitución que, ademais, para os máis cativos irá acompañada dun agasallo e para os gañadores da categoría superior, dun bono cultural ou tecnolóxico por valor de 400 euros para gastar en establecementos adheridos ao bono cultural do Goberno que teñan tenda física na provincia.