O Rallymix Concello de Barbadás chega á súa undécima edición con récord de participantes

Un total de 94 pilotos están inscritos na proba.

Barbadás quenta motores para o 11º Rallymix Concello de Barbadás “Memorial Gonzalo Belay”, unha das citas anuais máis esperadas pola veciñanza e polos aficionados e aficionadas do automobilismo en Galicia. “Este é un dos rallyes máis importantes da comunidade”, resaltou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, na presentación oficial do evento.

A competición, impulsada pola Escudería Barbadás coa colaboración do Concello de Barbadás, Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e Federación Galega de Automobilismo, comeza o venres, día 24, e remata o domingo, día 26. O rexedor tamén destacou a elevada participación do Rallymix, que este ano chega á súa decimoprimeira edición co récord de 94 inscritos e inscritas.

Ademais, hai novidades no percorrido, tal e como explicou José Sampayo, presidente da Escudería Barbadás. “Mudamos todo, de década, percorrido…”, sinalou. Así, serán 9 os kilómetros a percorrer polos pilotos, que por primeira vez pasarán pola parroquia de Sobrado do Bispo.

Beatriz Fernández, directora xeral da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de Galicia, resaltou a cooperación institucional: “É moi importante a colaboración do Concello, da Deputación e da Xunta para que eventos coma este poidan realizarse”. Pola súa parte, César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación, convidou á poboación a desfrutar da competición durante toda a fin de semana.

Na presentación tamén estivo presente o resto da corporación municipal de Barbadás; Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo; Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Ourense, patrocinadores e representantes da Guarda Civil, Policía Local e Protección Civil Barbadás.

Xornada escolar
Outra das novidades foi a primeira Xornada escolar de seguridade no automobilismo deportivo, impulsado pola Escudería Barbadás en colaboración co Concello. Máis de 200 alumnos e alumnas do CPR Luis Vives e CEIP Filomena Dato, así como usuarios e usuarias do Centro Ocupacional As Burgas, achegáronse esta mañá ao Polideportivo Municipal para coñecer en máis detalle a seguridade viaria deste tipo de eventos.

Deste xeito, descubriron como é o interior dos vehículos competidores, o tipo de roupas que empregan os pilotos e pilotas ou onde se debe colocar o público para desfrutar sen poñer en perigo a súa integridade. Para rematar a xornada, os escolares desfrutaron dunha pequena exhibición de varios dos equipos participantes no Rallymix.