A autora explicou que a obra naceu da súa experiencia persoal como paciente oncolóxica.
A pintora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco de Valdeorras), vén de facer entrega á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense da súa obra Mujer de Azul “Toñita”, un óleo sobre lenzo que simboliza a superación e a vitalidade das mulleres que afrontan o cancro.
O acto de doazón coincidiu coa presentación oficial da lotaría de Nadal da AECC de Ourense, na que a imaxe da pintura aparece reproducida en cada participación dos talonarios, acompañada do nome da obra e da súa autora.
Na entrega estiveron presentes o presidente da Asociación, Germán Rodríguez-Saá; a vicepresidenta, Olga Mojón; a xerente, Judit Vega; e a propia artista, Lola Doporto, quen expresou o seu agradecemento por poder contribuír a unha causa que coñece de preto. Acompañárona familiares e compañeiros do Movemento Cultural Nós, A Xente do Redor, entre eles o pintor Paco Ascón e o escritor e director do Movemento, Avelino Jácome.
Jácome explicou que «como editor e amigo, sinto un fondo orgullo e agarimo por Lola, pola súa forza creadora e pola humanidade que transmite en cada trazo. A súa pintura nace do íntimo, do que latexa e doe, pero tamén do que cura. Mujer de Azul “Toñita” é unha homenaxe á vida e ás mulleres valentes, e tamén unha mostra do corazón grande e xeneroso dunha artista á que admiro profundamente».
A autora explicou que Mujer de Azul – Toñita naceu da súa experiencia persoal como paciente oncolóxica e das vivencias compartidas con outras mulleres durante as súas estadías na planta de oncoloxía do hospital. O cadro, de cores vivas e cheo de enerxía, é unha homenaxe á determinación e á capacidade de superación das mulleres que loitan contra o cancro, simbolizando a vida e a esperanza en cada trazo.
Con este xesto solidario, Lola Doporto reafirma o seu compromiso coa Asociación e coas persoas que atravesan a enfermidade, empregando a arte como canle de sensibilización, acompañamento e forza.




