A sacerdotisa e o vampiro que se encarnou en Prometeo

Crónicas vampíricas

“Quen pode concibir os horrores da miña encuberta tarefa, remexendo na húmida escuridade das tumbas ou atormentando algún animal vivo para intentar animar o barro inerte? Agora témbrame o corpo só con lembralo; daquela esporeábame un impulso irresistible e case frenético”.
Mary Shelley

A tormenta arrasou a tarde; tremían as nubes con pestanexos irresistibles de luces cegadoras. Entre as filas de casas de Labirinto, aliñadas ao leste escoitábase o ensordecedor estrondo do camiñar dos mortos. Os vampiros aliméntanse de impulsos eléctricos e os montes son os receptores da morte: acollen monstros cargados por Eolo e árbores sedentas da auga da vida, xeradores de grandes ermos e cavidades sepulcrais.
Hoxe conseguín que me acompañe a Sacerdotisa do Reino dos Salvadores, Berthier, a creadora de feitizos. Precisamos da súa axuda: estes seres proceden do galvanismo e son recompostos con anacos de corpos dos desangrados nas máis terribles batallas.
Cando as maléficas miasmas do vento se recargan de negruras, poden aspirar do aire impulsos fortalecedores que resucitan os vellos monstros dos horrores, recompoñendo brazos, pernas, corazóns e corpos.
Vampiros que remexen nos ventres das preñadas para sorber sangue e líquido amniótico, e así transplantar novos membros aos seus vellos corpos.
“O camiño debe estar libre de íncubos, non podemos durmir tranquilas na súa presenza” —dixo a canina—.
“Déixate de filosofías, agora é momento de actuar antes de que se me xele o sangue co terror da noite” —respondeu a creadora de feitizos e pócemas, dirixíndose ao Novo Auditorio —.
Sabemos que o verdadeiro Prometeo reside no soto, xunto á vella máquina da canteira. Os membros esgazados están a reunirse coa carga eléctrica para conformar o corpo definitivo e destruír o pobo.
Nisa e a Raíña dos Feitizos preparan as fumegantes químicas e axítanas con frenesí. Mentres tanto, coa panca erguín a enorme pedra que cobre, o cofre dos segredos, aquel que trouxeran os primeiros poboadores do Norte. Ao botar os líquidos na cripta, milleiros de berros inundaron a sala, horrorízándonos, e cesou a Tronada mentres un frescor de lavanda acariñou as nosas faces.
De volta, un gato montés descendeu do vello carballo do lavadoiro, e a canina, ollando a lúa, murmurou: “Pode que hoxe adíaramos o regreso dos tempos tebrentos”.
E achegándose, lambeu os pés da Sacerdotisa.
Eu, a sombra que, inda non estando, sempre se presinte, erguín os ollos ao ceo e agradecín a axuda do alto.

As cazadoras
Nisa, a cadela cazavampiros
Nisa, de cores diversos e ollos que gardan a memoria das lúas vermellas, é a cadela cazavampiros do Reino dos Salvadores. Instintiva, veloz e infalible, presinte a chegada dos monstros e protexe aos vivos, rompendo encantamentos e seguindo o rastro do sangue corrompido. A nosa Nisa.
Berthier, a Grande Sacerdotisa
Berthier domina o lume azul das tormentas e mestura o saber antigo co galvanismo prohibido. Os seus ollos reflicten as tempestades e a súa voz impón orde sobre mortos e espectros. É mestra dos feitizos e gardiá da luz entre o caos e a redención. Berta Dobarro.
A sombra que, inda non estando, sempre se presinte
Son a sombra que observa e anota, testemuña dos feitos ocultos entre a luz e a treboada. Sempre presente, aínda cando non estou, gardo a memoria do prohibido e do que a noite quere esquecer.

Avelino Jácome