Xosé González Martínez “Pepe de Redondela”, premio Rodolfo Prada á xestión cultural

O segundo premio foi para o Festival Hércules Brass de Celanova, e o terceiro para o Festival Internacional de Curtametraxes e Arte (FICAR).

A Deputación de Ourense vén de facer entrega, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” dos galardóns da 8ª edición do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural correspondentes a este 2025 cunha dotación económica total de 10.000 euros para cada unha das categorías distinguidas.
No acto participaron o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; e o director da Área de Cultura e Deportes da Deputación, Marcos Vázquez.

César Fernández destacou a traxectoria deste premio, instaurado pola institución provincial, para destacar a figura do “insigne intelectual ourensán” recoñecendo o labor dos xestores culturais en Galicia ou fóra, pero con claras referencias á cultura galega.
O primeiro premio desta VIII edición, dotado con 3.000 euros, recaeu en Xosé González Martínez por “Pepe de Redondela” pola súa traxectoria exemplar dinamizando a vida cultural e social de Galicia, Galeguizar Galiza. O seu compromiso coa recuperación das tradicións populares, a creación de espazos de encontro e a promoción dunha cultura participativa converten o seu labor nun referente indispensable en Ourense.

O segundo premio foi para o Festival Hércules Brass de Celanova, cunha dotación económica de 2.000 euros, pola súa capacidade para achegar a música de vento metal a novos públicos, dinamizar o tecido cultural da comarca e converter Celanova nun punto de referencia musical.
En terceiro lugar, cun premio de 1.000 euros, foi para o Festival Internacional de Curtametraxes e Arte (FICAR) que se organiza en Entrimo, pola súa aposta decidida pola creación audiovisual, a visibilización de novos talentos e a proxección cultural da raia.

Premios por cada unha das catro provincias galegas
Ademais dos premios outorgados ao amparo destas tres categorías, o certame tamén entrega un premio de 1.000 euros por cada unha das catro provincias galegas. Pola provincia da Coruña, o xurado acordou conceder o premio ao proxecto “Viñetas desde o Atlántico”, da Concellería de Cultura de A Coruña, pola súa longa traxectoria na difusión da banda deseñada, a capacidade para achegar ao público creadoras e creadores de proxección internacional e o seu impacto na dinamización cultural.
Pola provincia de Lugo, o premio foi para o Museo de maquinaria, polo proxecto “MUVICLA – Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria”, que destaca polo seu labor de preservación do patrimonio agrario, a recuperación da memoria rural e a creación dun espazo divulgativo vivo e participativo.

En Ourense, a distinción foi para a “Casa do Chocolate de Teimende”, pola súa singular aposta pola recuperación dun saber tradicional e pola creación dun proxecto cultural que pon en valor a identidade local.
Por último, o galardón destinado a Pontevedra recaeu no proxecto “Desfoga”, de Begoña Cuquejo e Matías Daporta, pola súa capacidade para combinar creación contemporánea, participación comunitaria e posta en valor do territorio.

Xurado
O xurado do certame estivo integrado polo vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández -que actuou como presidente-, por Anxo Lorenzo, en representación da Consellería de Cultura da Xunta; por Francisco Javier Álvarez, Antonio Piñeiro, Francisco González, José Manuel Freiría, Eva Torres -todos eles en representación da Deputación; Francisco González, en representación da Asociación Cultural Rodolfo Prada; e o director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez -que actuou como secretario con voz pero sen voto.