Ábrense o vindeiro xoves 11 de decembro.
O Concello de Verín, a través da área de Servizos Socia¡s, abre o vindeiro xoves 11 de decembro o prazo de inscrición para unha nova edición de “Ludonadal”, a ludoteca de Nadal destinada a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Este servizo municipal, activo en Verín desde o ano 2008 , consolidouse como unha ferramenta fundamental de apoio ás familias durante as vacacións escolares, favorecendo a conciliación laboral e persoal nun período especialmente complexo para a organización familiar.
Este ano, o servizo desenvolverase entre o 22 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026, en horario de 8:00 a 14:30 horas, de luns a venres, nas instalacións do Pavillón de Deportes e nas instalación do CEIP Módulos Amaro Refojo.
Prazas e proceso de inscrición
O programa contará cun total de 100 prazas. As inscricións realizaranse por rigoroso orde temporal de presentación das solicitudes. A praza terá carácter definitivo unha vez iniciado o servizo e só será cuberta por outro solicitante en lista de espera no caso de baixa xustificada segundo os criterios establecidos.
Para formalizar a inscrición será necesaria a presentación dos datos completos da persoa menor e do seu titor/a legal, ademais do xustificante do pagamento, así como o documento de autorización e consentimentos informados (imaxe, protección de datos, grupo de Whatsapp), segundo o modelo facilitado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
As familias poden informarse ou inscribirse na conserxería da Casa da Xuventude ou no teléfono 988 414 776.
Tarifas e condicións económicas
As tarifas establecidas pola Xunta de Goberno Local para Ludonadal 2025/2026 son as seguintes:
– Xornada completa (8:00 a 14:30 h): 100 €
– Xornada parcial (calquera tramo diferente ao anterior): 90 €
– Día solto: 15 €
O pagamento deberá realizarse de forma anticipada na conta municipal indicada no formulario (ES16 2080 5168 1931 1001 5479). Non estará permitido o inicio no servizo sen acreditar o aboamento correspondente. As devolucións só se admitirán por causas extraordinarias debidamente xustificadas ou no caso de que o Concello tivese que suspender o servizo por falta de prazas suficientes ou razóns alleas aos usuarios/as.




