A súa programación inclúe unha vintena de actividades dirixidas a todos os públicos.
O acendido da árbore do venres, 5 de decembro, supuxo o inicio dos festexos no Concello de Barbadás, que propón unha variada programación cunha morea de actividades dirixidas a todos os públicos.
Veciñanza e visitantes poderán desfrutar de propostas lúdicas que inclúen teatro, concertos, obradoiros, festivais ou torneos. “Este Nadal estará cheo de color, ledicia, música, deporte, cultura e actividades sociais”, resalta o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. O rexedor tamén convidou á veciñanza a escoller para as compras de Nadal o comercio local de Barbadás, unha panca económica fundamental do municipio e un dos principais dinamizadores da vida social.
Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos, deu conta do esforzo do Goberno local por iluminar todo o municipio: “Este Nadal está centrado na dispersión xeográfica, imos levar o alumeado ata o último recuncho do municipio”. Este ano, as luces son LED, o que permite un maior aforro enerxético.
Ana Peleteiro, concelleira de Cultura, desvelou unha programación cultural, que inclúe espectáculos de maxia como “Zasca”, do Mago José Rivera, concertos como o da Banda Musical Infantil da Escola de Música Municipal de Barbadás ou o Festival de Panxoliñas, e teatro, como “Os contos do Lobicán” de Rédrum Teatro. “Queremos que os veciñas e veciñas desfruten destas datas, que interactúen e que socialicen entre elas”, sinalou a concelleira.
Por outra banda, houbo oco para actividades saudables, como o Obradoiro de Doces de Nadal para persoas celíacas. A Consellería de Servizos Sociais atópase inmersa actualmente na recollida de xoguetes para familias vulnerables, que o Banco Solidario repartirá nas próximas semanas.
Inauguración
Os fetexos comezaron co acendido da árbore e da iluminación de Nadal, momento no que non faltou a animación musical no entorno da árbore para rematar coa tradicional conta atrás do acendido. Unha chocolatada popular pechou os actos de inaguración do Nadal en Barbadás.
Visitas ilustres
Papá Noel e Os Reis Magos farán parada en Barbadás, como é habitual, e percorrerán distintos puntos e núcleos do municipio para saudar a toda a poboación. A Concellería de Emerxencias, dirixida por Daniel Rey, conta xa con dispositivos especiais para as cabalgatas, ao igual que para o resto de actividades na vía pública.
Papá Noel visitará aos alumnos do CEIP Filomena Dato, O Ruxidoiro, Escola Infantil Municipal e Centro Ocupacional As Burgas; o día 22 -luns- fará un percorrido pola Valenzá a partir das 18.00 horas.
Pola súa banda, as Súas Maxestades Os Reis Magos o día 3 de xaneiro -sábado- visitarán Santa Uxía, Piñor, Parada, Finca Fierro, Fonsillón, Paseo dos Amieiros nº3, Rotonda da Familia, As Lamas, Barbadás, Pontón, Sobrado do Bispo, Bentraces e Loiro.
Máis actividades
Entre as propostas para as próximas semanas tamén destacan as deportivas. A concelleira de Deportes, Noemí Pintos, convidou á poboación a achegarse ao torneo benéfico prebenxamín Memorial Javier Carid “Abuelo”, que permitirá recoller alimentos para o Banco de Alimentos.
Seguindo co deporte o clinic de porteiros terá lugar os 29 e 30 de decembro -lunes e martes-; ademais, mesmo martes 30 o Apalpador fará un percorrido pola avenida de Celanova -A Valenzá-. O polideportivo municipal acollerá «Diverlandia 8.0» o 2 de xaneiro; ese día farán unha visita os Reis Magos a este evento.





