A campaña “Lápiz Solidario” cumpre 20 anos levando ilusión a familias de Ourense

Entregáronse os xoguetes na sede de ADRA Ourense, destinados a nenos e nenas de familias con menos recursos, froito da campaña solidaria Lápiz Solidario, que este ano celebra o seu 20º aniversario.

Baixo o lema «Por un só euro, unha sonrisa», máis de trinta familias poderán contar con xoguetes para que os Reis Magos cheguen tamén ás súas casas, facendo realidade unha noite de ilusión e esperanza para os máis pequenos.

Esta iniciativa foi posible grazas á implicación de empresas colaboradoras, persoas voluntarias, establecementos que venden o Lápiz Solidario e, moi especialmente, a todas as persoas que ano tras ano colaboran coa campaña adquirindo este símbolo de compromiso e solidariedade.

En palabras de Avelino Jácome, representante de Orixe, empresa encargada da organización e distribución da campaña, «Ourense demostra cada ano que, igual ca a auga das Burgas non deixa de manar, a solidariedade tampouco se detén. Grazas a cada xesto, por pequeno que pareza, hoxe moitas familias poden vivir a ilusión dos Reis Magos».

Desde a organización queren expresar o seu máis sincero agradecemento a todas as entidades e persoas que fan posible que, tras dúas décadas, o Lápiz Solidario continúe escribindo historias de xenerosidade e sorrisos en Ourense.