Cunha ampla variedade de actividades dirixidas a todos os públicos.
O Concello de Allariz presenta un programa do Entroido 2026, que se celebrará do 5 ao 18 de febreiro, cunha ampla variedade de actividades dirixidas a todos os públicos. Pasarrúas, festas, música, tradición e concursos volverán encher as rúas da vila nunha das celebracións máis agardadas do ano.
Programación
O Entroido arrancará o xoves, 5 de febreiro, día de Compadres, cun pasarrúas cos Gaiteiros de Pé Feito, que percorrerán as rúas de Allariz dende a Barreira entre as 20.30 h e as 22.30 h.
O xoves, 12 de febreiro, será a quenda das Comadres, cun novo pasarrúas a cargo da charanga Achicoria, no mesmo horario e percorrido.
O venres, 13 de febreiro, a celebración continuará co Entroido na Rúa, cun pasarrúas da charanga Os Encerellados entre as 20.30 h e as 22.30 h, seguido da Noite de Entroido, que contará coa verbena da Discomóbil na Praza Maior dende as 23.30 h ata as 01.30 h.
O domingo, 15 de febreiro, haberá un pasarrúas coa charanga Alambique, que sairá da Barreira entre as 12.00 h e as 14.00 h.
O luns, 16 de febreiro, estará dedicado especialmente á rapazada, cunha Festa Infantil da Discomóbil na Praza Maior de 17.30 h a 20.00 h. Pola noite, ás 21.30 h, celebrarase a tradicional Cachuchada na Barreira, organizada pola Asociación Cultural Xan de Arzúa, e a xornada pecharase cun pasarrúas nocturno da charanga Caliquenos, de 23.00 h a 01.30 h, tamén dende a Barreira.
O martes, 17 de febreiro, terá lugar o Baile de Entroido e o Concurso de Comparsas, de 18.00 h a 20.30 h na Barreira, coa animación de Space Discomóbil. O concurso repartirá premios de 250 euros, 200 euros e 150 euros, valorando a orixinalidade, elaboración e escenificación dos disfraces. As comparsas teñen que ter un mínimo de 10 compoñentes. O prazo de inscrición remata o venres, 13 de febreiro, ás 14.00h.
Finalmente, o mércores, 18 de febreiro, ás 20.00 h, celebrarase o tradicional Pranto de Entroido, que partirá da Praza Maior ata o Campo dos Brancos, onde terá lugar a Queima do Meco, poñendo así o broche final á programación.




