No que contarán con obradoiros de mecos, regueifas, charangas e cantos de taberna.
O Concello de Barbadás aposta pola tradición na programación do Entroido 2026, onde non faltan os mecos, as regueifas, as charangas e os cantos de taberna. “Este ano temos unha programación intensa e extensa”, asegurou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, na presentación do programa.
O concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, convidou á poboación a desfrutar das actividades, que comezaron esta mesma semana cos obradoiros de compadres e comadres nos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro. O obradoiro de elaboración da máscara dos Follateiros de Lobios deste sábado, así como as regueifas infantís de compadres e comadres suporán a antesala dos días grandes, que comezan o venres 13 co desfile infantil dos centros educativos.
“O programa ten certas modificacións respecto a anos anteriores, como o desfile infantil, no que volvemos ao modelo anterior e cada colexio desfila por separado”, detallou Morgade, xa que “o ano pasado amoreáronse máis de 1.000 nenos e nenas nun tramo moi pequeno”, recordou o alcalde. Pola súa parte, o tenente alcalde e concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, reiterou a importancia de manter a seguridade e evitar alteracións da mobilidade dunha vía con “tráfico denso” en horas punta.
O mesmo venres, Xusto Calviño e o Grupo defensor do Meco encargaranse de realizar o pregón do Entroido na Glorieta da Familia, que estará acompañado pola actuación musical do Grupo Zoadeira e polos cantos de taberna de Cuncas do Son. Os dous grupos realizarán unha rolda musical de inicio de Entroido polos diversos establecementos hostaleiros da Valenzá ata as 22,30 horas. “O ano pasado, o venres pola noite houbo unha discoteca móbil, pero a estatística fíxonos suspender ese evento. A Policía Local e Protección Civil atendeu numerosos incidentes relacionados con intoxicacións etílicas, vandalismo e pelexas, e este goberno municipal non vai permitir este tipo de situacións”, sinalou Rey.
O sábado, a música trasladarase ás aldeas do concello grazas á Charanga Big Band, que percorrerá o municipio de 17.00 a 21.30 horas. A Charanga Europa encargarase de poñer a nota musical na Valenzá na mañá do domingo, de 10,00 a 14,00 horas.
O luns de Entroido será a quenda da celebración para os máis pequenos de Barbadás, que poderán participar na Festa Infantil de Disfraces no Parque da Solaina, a partir das 16.30 horas.
Inscricións abertas para o Gran Desfile
O martes de Entroido terá lugar na Valenzá o habitual Gran Desfile de Barbadás, unha cita que congrega a milleiros de persoas na avenida de Celanova. As inscricións para participar permanecerán abertas ata o día 16 de febreiro ás 12.00 horas (o formulario de inscrición está na web do Concello -barbadas.es-). Como é habitual, haberá premios para as mellores comparsas. “Este ano fixemos modificacións nas bases para que estean moito máis claras para os participantes”, asegurou Xosé Carlos Valcárcel.
O Gran Desfile comezará ás 17.00 horas e rematará ás 20.00 horas coa entrega dos premios e animación musical. Ante o elevado número de vehículos que se desprazan ata A Valenzá para desfrutar da cita entroideira, o párking do Carrefour estará aberto para facilitar o aparcamento. “No operativo de seguridade participarán efectivos médicos, Protección Civil, Policía Local de Barbadás, Policía Local de Ourense e efectivos da Guarda Civil”, detallou Rey, quen agradeceu a colaboración de todas as áreas e corpos involucrados para lograr unha celebración segura.
As comparsas de 10 ou menos participantes optarán a un primeiro premio de 550 euros e un segundo de 450; para as de máis de 10 intengrantes haberá oito premios: 1.100 euros para a primeira; 800 para a segunda; 700 para a terceira; 500 para cuarta; 450 para a quinta; 350 para a terceira; 300 e 250 euros para a sétima e oitava respectivamente.
As asociacións que participen no Desfile do Martes de Entroido 2026 compostas por 10 ou máis integrantes e atópense debidamente rexistradas, a data 31/12/2024, no Rexistro de Asociacións do Concello de Barbadás, recibirán unha axuda de 300 €, ata completar a dispoñibilidade da partida orzamentaria destinada para esta finalidade, a adxudicación da axuda será establecida por rigorosa orde de solicitude de inscrición.
O Desfile Fúnebre e a Queima do Meco do mércores 18 porán o punto e final á celebración entroideira. Na cita, que arranca ás 20.00 horas, participarán viúvas, bispos, cregos e monxas, que acompañarán ao meco ata a Praza Vella da Valenzá.
Cartel
Este ano, o goberno local suspendeu o concurso para a elaboración cartel de Entroido debido ás polémicas das dúas edicións pasadas. “Hai dous anos, o suposto artista enviou o mesmo cartel en diversas localidades de España, o que lle quita o elemento creativo e tradicional, e o ano pasado, acusouse de plaxio ao autor”, apuntou Valcárcel.




