A achega é de case 30.000 euros do fondo de compensanción ambiental.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao concello de Castrelo do Val para, acompañado do seu alcalde, Vicente Gómez, pór en valor a adquisición dun vehículo lixeiro con etiqueta ECO financiado a través da achega de case 30.000 euros ao abeiro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) correspondente ao 2025 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, destinado a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.
O delegado territorial destacou que o Concello de Castrelo do Val leva anos apostando pola optimización enerxética e a implantación de tecnoloxías eficientes e respectuosas co medio ambiente na súa atención aos veciños, xa que quere prestar uns servizos municipais da máxima calidade ao tempo que reduce as súas emisións e por todo iso adoita beneficiarse destas axudas da Xunta de Galicia. Nesta liña, subliñou que na última convocatoria, a través da liña competitiva, na provincia de Ourense foron beneficiados 46 municipios cun investimento de máis 1,2 millóns de euros; mentres que a través da liña non competitiva, foron 20 entidades locais as que recibiron unha achega total de máis de 450.000 euros.
Manuel Pardo recalcou que os obxectivos do FCA, dotado con 11,2 millóns de euros en 2025 e que neste incrementa o orzamento a 11,4 millóns, son o impulso á sustentabilidade e á eficiencia enerxética das infraestruturas e equipamentos municipais. Apóstase tamén polas accións dirixidas á conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado, entre outras.
O representante do Goberno galego enmarcou o apoio da Xunta a estas actuacións no compromiso coas administracións locais, como entidades máis próximas á cidadanía. Así, lembrou que a Xunta abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos entre as que están tamén a orde de infraestruturas de uso municipal e o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local que conta cunha liña coa que se financian proxectos municipais de carácter estratéxico.
O novo vehículo
O delegado territorial detallou que coa adquisición deste vehículo lixeiro, esta localidade pretende levar a cabo nos vindeiros anos labores de limpeza nos citados espazos naturais situados nos dezasete núcleos de poboación, evitando que se produza un deterioro ambiental, contribuíndo a protección dos recursos naturais tales coma os ríos, mantendo limpas as áreas recreativas, e as zonas verdes.




