A intervención está orzamentada en preto de 58.000 euros.
O Concello de Barbadás vén de iniciar o expediente de licitación da reforma íntegra do muro de contención do Parque da Liberdade, na Valenzá. A actuación, valorada en preto de 58.000 euros, inclúe a demolición do actual muro, o movemento de terras para lograr unha correcta drenaxe das augas de escorrentía, a construción dunha nova cimentación e dun novo muro e o recheo e recuperación da zona verde afectada. O obxectivo do goberno local é que as obras estean rematadas a finais da primavera. “É unha obra moi necesaria por motivos de seguridade”, asegura Daniel Rey, tenente alcalde e concelleiro de Obras.
A intervención solventará as deficiencias estruturais, que provocaron un desplome na parte máis alta do muro o pasado mes de maio. “A aparelladora técnica municipal informou entón da necesidade de realizar un estudo técnico para avaliar as causas do desplome e deu orde de balizar a zona por precaución”, explica Rey.
O estudo consistiu na realización de catas no parque, na beirarrúa e no propio muro por parte de persoal técnico externo. “O informe resultante indicou que a altura do muro, a capacidade estructural insuficiente e a acumulación de auga no trasdós por drenaxe deficiente provocaron o fallo”, detalla o tenente alcalde. A actuación realizarase de acordo ás indicacións técnicas para mellorar a capacidade portante da parede e reforzar así a seguridade do entorno, moi utilizado por poboación de todas as idades.




