As axudas á reconversión da viña beneficiaron a 81 persoas viticultoras e bodegas

Cun importe máis de 1,3 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao Concello de Beade para, acompañado do seu alcalde, Fernando Taboada, visitar a adega ‘Fernando Cibeira’, beneficiaria das axudas concedidas ao abeiro da orde de 2025 para apoiar a reestruturación e reconversión da viña en Galicia, nas que a Consellería do Medio Rural destinou máis de 6.000 euros para operacións encamiñadas á reimplantación de viñedo, á reconversión varietal ou á mellora das técnicas de xestión das viñas.

O delegado territorial aproveitou a súa estadía nesta adega, pertencente á DO Ribeiro, para destacar que nesta convocatoria de achegas, que contan cun orzamento resolto para toda Galicia de máis de 3 millóns de euros, na provincia de Ourense destináronse máis de 1,3 millóns de euros que beneficiaron a 81 persoas viticultoras e bodegas e que permitirán actuar en 99,5 hectáreas de viñedo.
Manuel Pardo recalcou que esta medida da Xunta ten como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable. Neste sentido, detallou que con estas axudas, tamén búscase perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.

O representante do Goberno galego concretou que son subvencionables as actuacións relacionadas coa replantación con ou sen sistema de condución, a reconversión de viñedos por cambios de variedade, a mellora de técnicas de xestión e a replantación de viñedos cando sexa necesario tras o arrinque obrigatorio por motivos sanitarios ou fitosanitarios por orde da autoridade competente.

Durante o percorrido polas instalacións, Manuel Pardo subliñou que esta iniciativa do Goberno galego é unha ferramenta estratéxica para a nosa provincia, xa que estas achegas baséanse na reconversión varietal, para que aquelas explotacións con viñas antigas poidan substituílas por variedades autóctonas, máis resistentes ás condicións climáticas e que produzan viños de maior calidade, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez máis globalizado.