O Concello de Verín reforza a seguridade cidadá

Coa incorporación de dous vehículos híbridos para a Policía Local.

O Concello de Verín vén de incorporar á frota da Policía Local dous vehículos patrulla híbridos, nunha actuación que responde á aposta do goberno municipal pola mellora da seguridade cidadá, a modernización dos servizos públicos e a mobilidade sostible.

Na recepción oficial dos vehículos estiveron presentes o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, xunto coas concelleiras Rosario Rodríguez (Servizos Sociais) e Cándida Couñago (Seguridade); e o xefe do corpo de Policia Local, Emilio Morillo, nun acto que simboliza o compromiso do Concello cun modelo de xestión baseado na planificación, a eficiencia e a dotación de medios axeitados aos servizos esenciais.

Os vehículos incorporados corresponden a SUV híbridos do modelo Renault Arkana Techno Full Hybrid E, especialmente adaptados para o uso policial. Contan cunha potencia de 145 cabalos e unha cilindrada superior aos 1.300 cc, e un deles dispón ademais de kit de detidos, o que permite reforzar a capacidade operativa da Policía Local en intervencións que requiren traslado de persoas detidas.

A adquisición realizouse mediante a modalidade de renting, cun investimento total de 91.301,76 euros, o que garante unha xestión máis eficiente dos recursos municipais, asegurando o correcto mantemento da frota e a renovación progresiva dos vehículos sen comprometer a sustentabilidade económica do Concello.

Desde o goberno municipal destácase que esta actuación permite substituír vehículos antigos, mellorando de forma significativa a seguridade dos axentes, o confort na prestación do servizo e a redución de emisións contaminantes, en liña cos obxectivos ambientais e de eficiencia enerxética marcados pola administración local.

O alcalde de Verín subliñou que «investir en seguridade é investir en calidade de vida», destacando que «dotar á Policía Local de medios modernos, seguros e sostibles é unha prioridade deste goberno, porque repercute directamente nun mellor servizo á veciñanza e nunha maior capacidade de resposta ante as necesidades do municipio».

Con esta incorporación, o Concello de Verín continúa avanzando na renovación e modernización dos medios municipais, consolidando un modelo de xestión responsable que aposta pola innovación, a sustentabilidade e a mellora continua dos servizos públicos.