A Federación de Comercio de Ourense está a desenvolver unha serie de xornadas co lema “Ourense é Comercio, Convén entendelo, Convén sabelo, Verás por qué”.
Tratáse dun proxecto para crear e difundir un novo xeito de coñecer e redescubrir a importancia do comercio ourensán; para reivindicar a súa esencia e modernidade; o seu valor e a súa capacidade de xerar riqueza; a súa contribución a definir espazos sensibles e afectos urbanos; a transmitir unha visión estética optimista e orgullosa, e fortalecer o valor social da actividade; a súa importancia para facer as cidades máis habitables e a súa achega para crear espazos máis humanos, atractivos e vivos.
O obxectivo primordial é producir recoñecemento, adaptación os novos tempos e deslizar unha mensaxe subliminal de futuro e utilidade, que facilite a percepción de cambio necesario e que exprese a existencia dunha xeografía social da que ninguén se ocupou debidamente nos últimos anos.
Este xoves 8 de outubro, ás 20.30 h no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” terá lugar a segunda Xornada deste ciclo «Ourense é Comercio»; nesta ocasión coa denominación “Comerciantes fóra de serie” con entrada libre e gratuita ata completar aforo.
A xornada terá como moderador a Rubén Riós, coñecido como actor por series como “Libro de familia” ou películas como “Pradolongo” e “Vilamor” é tamén director e produtor. Pasou a súa infancia detrás do mostrador da tenda de seus pais. Como empresario creou RURALMENTE: produtos lácteos, xeados, pan e empanadas de fariña de castaña e embutidos selectos. O luns abrirá na Coruña a súa primeira tenda física.
Na xornada de “Comerciantes fóra de serie” razoan tres persoeiros de series coñecidas da televisión con papeis de comerciantes como son: Manuel Manquiña, que ten un longo e recoñecido recorrido profesional en teatro, cine e televisión, con personaxes memorables como o famoso Pazos de Airbag. Na serie “Era visto!” fai de don Anselmo, un emprendedor de suministros; Patricia Vázquez, actriz dende hai 25 anos, moi recoñecida por rexentar con man de ferro, un dos negocios de hostalería máis populares de Galicia, o bar-tenda de Lidia, na serie de TVG “Padre Casares”. É neta dunha tendeira parecida a Lidia. Protagoniza a serie “Era visto!”; e Tacho González, actor e presentador, coñecido por ser o paciente tendeiro/taberneiro consorte de Lidia en “Padre Casares”. Criouse nunha librería de Vilagarcía de Arousa onde aprendeu a tratar coa clientela e a envolver libros para regalo nas tardes de Reis.