Presentación do Samaín

Como novidade, este ano diversifícase a oferta polas prazas da zona vella con máis obradoiros de baleirado de cabazas e de maquillaxe.

A festividade do Samaín encherá de vida as prazas da zona vella da cidade este sábado 31 de outubro. As actividades están dirixidas aos máis cativos, pero a Concellería de Cultura quere implicar tamén a toda a familia. Comezarán xa de mañá, con sesión de contacontos. Á tarde, realizarase o obradoiro de baleirado de cabazas -repartiranse un total de 700-, e tras un desfile polo casco vello rematarase cunha grande festa na praza Maior con música e xogos para todos.

“O Samaín celébrase hai milleiros de anos en todo o territorio celta a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro con motivo do peche da tempada de colleitas e a chegada do inverno”, lembraba a concelleira de Cultura, Belén Iglesias. “Moitos coinciden en sinalalo coma a orixe das tradicións asociadas aos mortos, da que se derivan, entre outras, o Halloween anglosaxón, porque a tradición é a mesma: espantar os malos espíritos nas noites de transición entre o verán e o inverno”, dixo.

Este 2015, e debido ao éxito de pasadas edicións (en 2014 repartiran as 700 cabazas nunha hora), a Concellería ampliou significativamente o número de actividades, nalgunhas das cales colaboran a Asociación A Galleira e a Asociación de Artesáns, e a zona na que se realizan, chegando a varias prazas do casco vello. “Preténdemos dinamizar os esapzos e intentamos facer, na medida do posible, actividades en familia”, recalcaba Iglesias.

Ás 12:00 horas haberá unha sesión de contacontos na praza de San Cosme e San Damián, e dende as 17:00 horas organízanse diferentes obradoiros nas prazas de Saco e Arce (de baleirado de cabazas), praza da Imprenta (microteatro) e praza de Manuel Sueiro (obradoiros “O bosque dos druídas” e “Os fachóns do Samaín”, de maquillaxe e de enfeltrado de figuras de Samaín). Toda a contorna da rúa Liberdade será ambientada con decoración propia desta festividade. A partir das 19:30 horas haberá un desfile de cabazas que partirá da praza de Saco e Arce, praza Maior, rúa da Liberdade, praza de San Marcial, Hernán Cortés, praza das Damas e praza Maior, onde se celebrará a fin de festa.

Na rolda de prensa presentouse tamén o cartel para esta edición, obra do artista Moncho Barazeiro, elixido “por unanimidade”, resaltou a concelleira de Cultura, entre as 18 propostas presentadas a concurso.