Máquina de Ecourense

O Concello abriulle expediente informativo á empresa concesionaria da limpeza.

A oposición do Concello de Ourense pedirá unha comisión de investigación sobre os dous casos de lexionela detectados entre o persoal da concesionaria do servizo de limpeza. Ambos contaxiados atópanse fóra de perigo, un deles xa foi dado de alta.

Mentres, o PP agardará a concluír o expediente informativo aberto para adoptar medidas contra a empresa, Ecourense. Serán os técnicos os que indicarán “que tipo de sanción ou medida” se aplicará, explicaba o voceiro do grupo de goberno, Pepe Araújo.

Araújo facía estas declaracións á saída dunha xunta de voceiros, convocada o martes 27 de outubro a petición de Democracia Ourensana. Na reunión, o Goberno local achegou aos tres grupos da oposición toda a información que tiña dispoñible sobre este asunto.

Malia que o primeiro caso de lexionelose detectouse o 27 de agosto, non foi ata o 1 de outubro que o Concello de Ourense tivo coñecemento del. De aí que o voceiro popular recoñecese que a información por parte da empresa ao Concello non foi todo o fluída que cabía esperar, o que motivou a apertura do expediente informativo. De feito, o Concello requeriulle a Ecourense o pasado día 6 as actas das actuacións en materia sanitaria, pero estas non foron entregadas ata o 23 de outubro no rexistro municipal. E tamén, aínda que a empresa alegou que o 1 de outubro tomara as medidas oportunas para subsanar este episodio a data que consta para Sanidade -administración que ten as competencias neste eido- é o 9 de outubro. De feito, ao detectarse o segundo caso, xa avanzado outubro, a Inspección de Sanidade constatou que non se adoptaran as medidas ordenadas tralo primeiro contaxio.

A mesma queixa de falta de información trasmitía o comité de empresa. Os traballadores manifestáronlles aos representantes municipais a necesidade dunha maior comunicación interna coa concesionaria, así como a convocatoria de reunións periódicas co Comité de Riscos e Saúde.

Sen rastro do foco do contaxio
O que non está localizado polo momento é o foco de contaxio da lexionela, pois as análises descartaron que na auga bruta -a que se utiliza para o baldeo- houbese lexionela. Con todo, o Concello ordenou paralizar o baldeo mecanizado das rúas e substituílo nestes días por un baldeo manual con auga clorada da rede municipal.

Comisión de investigación
Desde a oposición consideran que as explicacións facilitadas polo alcalde e o voceiro popular “non son suficientes nin satisfactorias”, a xuízo do socialista José Ángel Vázquez Barquero, e chegan tarde, dous meses despois de que se producira o primeiro contaxio, para Martiño X. Vázquez, de Ourense en Común.

Barquero considera que o Goberno municipal agochou información tanto á cidadanía como aos grupos da oposición, e esta só aflorou aos medios de comunicación “cando se detecta un segundo caso”.
Por iso o socialista anunciou que no próximo pleno municipal solicitará a creación dunha comisión de investigación, petición á que se sumou OUeC, e á que agardan se apunte tamén Democracia Ourensana. O seu voceiro non fixo declaración algunha ao remate da xunta de voceiros.

Pola contra, Araújo insistiu en que se está a recabar “a máxima información posible sen crear ningún tipo de alarma” e que se informará puntualmente a todos os grupos segundo avancen as pesquisas.