Dunha banda danza contemporánea organizada polo Concello e doutra funcións teatrais promovidas por Abanca.

 

Escolares ourensáns teñen estes días dúas citas cos espectáculos escénicos na nosa cidade.

Por unha parte, este mércores, xoves e venres, a Concellería de Educación organizou un espectáculo didáctico de danza contemporánea para alumnado de 5º e 6º curso de Educación Primaria. Terá lugar no salón de actos da Escola Municipal das Artes Escénicas e participarán un total de 325 alumnos e alumnas de 7 centros de ensino da cidade.

O espectáculo, que leva por título “En Escena”, comezará cunha breve explicación e presentación da actividade indicando tamén os principios básicos da danza e despois poderán gozar de dous dúos de danza contemporánea que forman parte do repertorio da compañía SóLODOS e da Compañía Sparber-Martínez, invitada este ano a esta actividade.

Finalmente levarase a cabo un obradoiro no que os nenos e nenas participarán activamente e aprenderán conceptos e ideas sobre a danza contemporánea, así como diferentes formas de realizar unha coreografía e terán a oportunidade de preguntar e traballar cos bailaríns nun escenario real.

Pola outra, Afundación propón a obra «Nana para un soldado», da compañía Teatro dos Ghazafelhos, que se representará para preto de 1.600 escolares os días 4 e 5 de novembro no Auditorio Municipal. Escrita e dirixida por Pepablo Patinho e representada por Montse Piñón, Jorge Casas e Pepablo Patinho, a función vira ao redor da historia de dous soldados que coinciden na fronte cunha muller que está a piques de dar a luz.

Estas sesións organizadas por Afundacaión continuarán os días 14 e 15 de decembro, coa obra «Lío en la granja»; os días 18 e 19 de xaneiro con «Alice», baseada no clásico de Lewis Carroll; os días 11 e 12, 15 e 16, e 29 de febreiro coas obras «Cousas de 4», «Aurora» e «Rodarirrodari», respectivamente; o 4 de abril con «Estamos no verán», e por último, do 18 ao 20 de maio, a actuación do exitoso grupo de música infantil Mamá Cabra, que co seu espectáculo «15 primaveras» porá o punto final ás actividades.