CCA Ourense Centro celebrou unha asemblea xeral etraordinaria de socios para informar das propostas da campaña de Nadal da entidade e das melloras da súa imaxe corporativa na rede.
O presidente do Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Luis Rivera, ante a inminencia da campaña de Nadal, expresou a súa confianza en que “a iluminación e dinamización das rúas se entendan como unha prioridade, dándolle o protagonismo e apoio institucional que merece”, despois de que en campañas desenvolvidas con anterioridade o “retraso ou ausencia da iluminación de Nadal na cidade fora obxecto de desilusión e sinsabor para o sector comercial”. Así o expresou no discurso de benvida aos asociados da entidade CCA Ourense Centro, reunidos en asemblea xeral extraordinaria de socios, que contou coa presenza da concelleira de Comercio, Ana María Fernández Morenza.
Rivera quixo subliñar que “as rúas son o principal escenario do comercio, ademais do espazo de encontro de todos e para todos”, e por iso, o seu “coidado, adorno e dinamización é vital”, especialmente en épocas como o Nadal. Destacou que “a decoración de Nadal e unha iluminación axeitada e sostible son motivo de expectación e admiración dos cidadáns, ourensáns ou visitantes” e lembrou a implicación e esforzo dos comerciantes do centro da cidade durante esta época por facer máis acolledores os establecementos e chamativas as vitrinas, buscando “innovar, sorprender e admirar”, mesmo, moitas veces, “por riba das súas posibilidades”.
Nova imaxe corporativa do CCA Ourense Centro
Luis Rivera anunciou aos asociados importantes novidades que se engloban nunha completa remodelación da imaxe corporativa na rede, do CCA Ourense Centro. En palabras do presidente será “máis actual e tecnolóxica”, adaptada á nova realidade da «sociedade da conversa», na que impera o uso das redes sociais.
A remodelación comprende a dotación dun novo sitio web, a modernización e renovación da web de venda online, unha app para móbiles e outros dispositivos e a creación dun blog multisectorial de moda e de tendencias, no que terán cabida todos los sectores que abrangue o comercio do centro da cidade, como o téxtil, o calzado, as viaxes, a gastronomía, a hostalería ou a florería, entre outros.
A través destas novas vías de comunicación virtual e social, apoiadas nas novas tecnoloxías, o presidente do CCA Ourense Centro explicou aos asistentes que serán instrumentos que permitan ao comercio do centro urbán de Ourense “falar con voz propia” e tamén “escoitar” a clientes e á sociedade, no só nas tendas, senón na internet e nas redes sociais e a través de múltiples soportes como móbiles, tablets ou reloxos intelixentes, dispositivos que xa son de uso cotiá.