Daniel Minimalia

A súa canción “Olas del sur” foi premiada como Best World Music Song of the Year, mellor canción do ano 2015.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en nome do Concello, transmitiu os seus parabéns ao guitarrista e compositor ourensán Daniel Minimalia, que vén de ser recoñecido esta madrugada na gala dos Hollywood Music in Media Awards cun importante galardón: o de Best World Music Song of The Year (mellor canción do ano) para o seu tema “Olas del sur”. Esta gala celebrouse no Henry Fonda Theatre, situado en pleno paseo da fama de Los Ángeles.

Compre destacar que Daniel Minimalia tiña tres nominacións, dúas para “Olas del sur” (mellor videoclip internacional e mellor tema) e unha para “Latidos” (mellor tema), ambas pezas incluidas no seu último álbum “Arenas de Luna”. Os “Hollywood Music in Media Awards” (HMMA) están considerados uns dos premios independientes con maior prestixio do mundo.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, salienta que “é un orgullo para a nosa cidade que un ourensán como Daniel Minimalia vexa recoñecido internacionalmente o seu enorme talento, e auguro que serán moitos máis os éxitos que acade o noso guitarrista e compositor máis aclamado”.