As catro terán que estar rematadas antes de que finalice o ano 2015.
A Xunta de Goberno Local de Ourense celebrou este venres unha sesión extraordinaria e urxente para a aprobación de catro proxectos de obras de mellora e adecuación de infraestruturas, por un importe total de 190.906 euros.
Así, aprobouse o proxecto para adecuación da rúa de Atrás – Cabeza de Vaca, por 47.586 euros. Tamén se deu luz verde ás obras de deseño de muro de contención en Souto Sanín (preto dos Viros) e reposición de viario en tramo afectado, por 23.319 euros. No barrio das Lagoas, aprobouse o proxecto de execución de obras de adecuación da rúa Manuel Fernández García, por 60.000 euros. O último proxecto aprobado foi para as obras de reparación do acceso ás termas do Muiño da Veiga, por 60.000 euros. Estas obras serán executadas e financiadas pola Deputación de Ourense, froito do acordo de colaboración adoptado entre ambas institucións.
Todos estes traballos terán que estar executados antes de que finalice este ano, motivo polo que se procedeu á súa aprobación en Xunta de Goberno Local.
Alumeado de Nadal
Na mesma sesión extraordinaria e urxente da Xunta de Goberno Local se adxudicou o servizo de instalación, posta en funcionamento, mantemento e retirada da iluminación de Nadal 2015-2016. Entre as ofertas presentadas, a adxudicación foi para Creaciones Luminosas S.L., que acadou os 100 puntos posibles na proposición económica, cun prezo de 79.860 euros (IVE incluido) supoñendo unha rebaixa do 5,7% con respecto á proposta inicial de adxudicación.