O cineasta de Cartelle contará cunha Fundación que levará o seu nome e permitirá perpetuar a súa memoria e espallar a súa obra.

O Festival de Cine Internacional de Ourense incrementará dende o ano próximo o espazo adicado ao cineasta ourensán Carlos Velo, cunha sección fixa que xirará en torno á figura do intelectual nado en Cartelle, pero que desenvolveu boa parte da súa carreira profesional en México, país no que se exiliou por culpa da guerra civil española.

A iniciativa anunciouna o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, engadindo que xa se están dando os primeiros pasos sobre ela e que consistirá nun traballo que xirará arredor de “Torero”, película dirixida por Velo en 1956. Esa mesma aportación terá logo continuidade ao longo do ano “por outros puntos da provincia de Ourense vencellados a Velo, como son Cartelle, Celanova, Ourense e Carballiño”, segundo apuntou Lorenzo.

O secretario xeral de Cultura lembrou que estes días está colgada na Cidade da Cultura de Santiago unha exposición sobre outro ourensán universal, o fotógrafo alaricano José Suárez, representante desa xeneración de intelectuais que tivo que fuxir do franquismo.
Na mesma comparecencia, celebrada na sala Valente, con presencia da concelleira Belén Iglesias, a alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte, deu a coñecer a inmediata constitución da Fundación Carlos Velo para contribuir a perpetuar a memoria do que considerou “o ourensán dedicado ao mundo do cine con maior proxección internacional”. Biólogo de formación, adicouse sempre á súa vocación que foi o cine, onde tivo grande relación profesional e de amizade con Luis Buñuel ou Bardem.

A neta de Velo, Laura Gardos Velo, tamén cineasta, lembrou o papel xogado polos intelectuais exiliados, pola sua aportación á cultura daquel país. A propia Laura tivo na súa infancia Mestres españoles procedentes e está convencida de que o exilio, aparte da dor provocada en quenes o sufriron, fixo que se convertese “nunha ponte entre civilizacións que deu lugar a unha cultura de ida e volta”.