O catálogo frece unha panorámica da industria audiovisual galega a través de 57 títulos.

A vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), foi escenario da presentación do novo catálogo “Films from Galicia” 2016, editado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co obxectivo de promover a produción cinematográfica e televisiva galega nos principais mercados internacionais do sector. Xunto ao volume físico hai tamén unha edición dixital na que se inclúe un vídeo promocional que busca difundir Galicia como escenario de rodaxes.

Participaron na presentación o director do Agadic, Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, e a directora do OUFF, Nora Sola, quen agradeceu expresamente o respaldo e a colaboración do Agadic, “que colabora en varios proyectos del Festival, entre ellos a través del catálogo que hoy se presenta”, así como os Encontros de Produción que terán lugar o venres dentro da programación do Festival e que reunirán a empresas e profesionais do sector audiovisual de Portugal e Galicia.

Jacobo Sutil foi o encargado de debullar as principais características desta publicación, que reúne información de 57 títulos de cinema e televisión e para a que se conta coa colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a través do programa de promoción internacional do audiovisual galego que manteñen ambas entidades. O responsable da Agadic puxo de manifesto tamén a colaboración do Festival de Cine de Ourense e amosouse “moi satisfeito” por poder presentar o catálogo, agradecendo o apoio do Igape, empresas e distribuidoras.

Belén Iglesias subliñou pola súa banda a implicación da Agadic en proxectos audiovisuais que teñen que ver con Ourense, ao tempo que destacou a tradición ourensá co mundo audiovisual, demostrado co propio OUFF.

‘Films from Galicia’ é precisamente a marca conxunta coa que a industria audiovisual galega se presenta cada ano en feiras tan relevantes coma o MIPCOM, MIPTV, Marché du Filme de Cannes (Francia), o European Film Market da Berlinale ou Ventana Sur de Bos Aires. Como explicou o director da Agadic, en todos estes mercados distribúese o catálogo coas últimas producións galegas, de xeito que se reflicte unha “imaxe común orixinal, competitva e moderna”, ao tempo que se deixa testemuño da gran variedade da oferta galega tanto a nivel de temáticas como de xéneros ou de formatos. Búscase tamén difundir Galicia como escenario de rodaxe cun gran potencial paixasístico e patrimonial, así como dar conta da gran calidade artística e técnica dos profesionais que conforman o noso sector.

Ficción, animación, documental e televisión
Na súa edición de 2016, ‘Films from Galicia’ mantén a súa estrutura orixinal en catro grandes bloques: ‘Pics’ para longametraxes de ficción, ‘Toons’ para diferentes formatos de animación, ‘Docs’ para os documentais e ‘TV’ para series, telefilmes e programas televisivos. Os títulos aquí recollidos son os achegados polas propias empresas produtoras tras a convocatoria pública posta en marcha pola Agadic e dirixida a todas as compañías do sector en Galicia.

‘Shorts from Galicia’
A edición deste ‘Films from Galicia’, en inglés e tanto en formato físico como en liña na web da Agadic, refórzase cun vídeo promocional baixo a mesma marca, a través do que tamén se ofrece a imaxe dunha industria puxante e aberta ao mundo, pero sen renunciar –tal e como expresou o director da Agadic– ao compromiso de difusión da nosa cultura. Esta visión conxunta do sector audiovisual galego complementarase coa publicación do catálogo ‘Shorts from Galicia’ 2016, dedicado especificamente a promover as curtametraxes e para o que a Agadic abrirá proximamente a convocatoria de recepción de novos traballos.