Iniciativa de Amencer e perruquerías

Intercambiarán lazos laranxas por donativos económicos dos seus clientes para a Operación Quilo.

 

Un ano máis achégase a campaña solidaria da Asociación xuvenil Amencer Operación Quilo. Desta volta unha das novidades que trae é a iniciativa “Lazos por Quilos”, que involucra a catro perruquerías da cidade. “Queríamos innovar e pensamos en buscar algún gremio que se puidese sumar á campaña”, explicaba Manuel Seguín, membro de Amencer. E foi o dos perruqueiros. O que farán será entregar un lazo laranxa aos clientes que deixen un donativo de dous euros. “Unha cantidade simbólica que suma cartos”, engadía o mozo.

A propietaria dunha destas perruquerías, María José Rocholl, apuntaba á súa involucración previa con Amencer o motivo que a levou a sumarse a esta iniciativa. “Se lo merecen por todo el esfuerzo que hacen con todas las campañas”, dicíanos.

Ademais de Rochol Perruqueiros, na rúa Emilia Pardo Bazán, outra das promotoras da campaña é a perruquería Milenio da rúa Francisco Lloréns, con Diana Rodríguez á fronte. Polo de agora outros dous salóns xa se sumaron a esta iniciativa (Víctor Feijoo, na avenida de Portugal, e Cachaldora Seoane, no Paseo), coa expectativa de que sexan máis os que o fagan en próximas datas.

“Lazos por Quilos” estará recadando estes donativos ata o 18 de decembro, día no que se pechará a Operación Quilo de Amencer.A partir do día 19, a Asociación xuvenil entregará ás Cáritas Parroquiais de Ourense todo o recadado en forma de alimentos e xoguetes.