A maior feira científica de Galicia, que comezou este mércores e se prolongará ata o venres, recibirá a visita de máis de 2.000 persoas.
Os inventores precoces da Galiciencia responderon á chamada especial do décimo aniversario da maior feira científica de Galicia con proxectos dun nivel excepcional. A observación da realidade cotiá levounos a concibir solucións moi creativas e avanzadas para problemas relacionados coa alimentación, a mobilidade, a accesibilidade, a obtención de enerxía sostible e a seguridade, entre outros. Estes enxeños conviven de mércores a venres no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, que agarda a visita de máis de 2.000 escolares durante a feira.
A Galiciencia rexistra este ano unha cifra récord de proxectos, un total de 74, dos que os 52 de Secundaria compiten polo premio final, mentres que os 22 de Primaria se expoñen fóra de concurso. A representación máis numerosa procede das provincias de Ourense e Pontevedra, con 23 e 22 proxectos respectivamente. Da Coruña chegaron 14 e de Lugo 9, aos que se suman 4 de Barcelona e 2 de Biscaia.
As solucións innovadoras para facerlle a vida máis fácil ás persoas que teñen necesidades especiais relacionadas coa alimentación son variadas. Alumnos de Ourense desenvolveron caramelos elaborados con verduras aptos para diabéticos e bebidas enerxéticas naturais aptas para alérxicos.
Pola súa banda, estudantes de Pontevedra idearon un sofisticado sistema de lectores de etiquetas automáticos para identificar alérxenos nos productos do supermercado, adaptado para invidentes a través de alertas sonorasl. Así mesmo, Alumnos de Santiago e Pontevedra traen dous bastóns TIC, un para peregrinos, dotado de sistema de aviso a emerxencias en caso de perigo, e outro para invidentes, con GPS e detectores de obstáculos a distancia.
E a camiseta que nos avisa de risco de problemas cardíacos mentres facemos deporte, deseñada nas Aulas Tecnópole, é un exemplo da preocupación pola saúde dos participantes.
Alta tecnoloxía
A carrilana ourensá de tecnoloxía punta, bautizada como Galinercia, foi unha das atraccións principais durante as primeiras horas da Galiciencia. Coa apariencia dun bólido de Fórmula 1, este vehículo ultralixeiro está construído con fibra de vidro, aceiro de carbono e aluminio usa a tecnoloxía dun monopatín experimental de BMW.
Entre os estudos sobre o comportamento humano, alumnos de Vigo concluíron a través dos seus experimentos que o consumo de chocolate non inflúe para ben cando facemos xuízos morais, desmontando a súa hipótese inicial, e un equipo de Sanxenxo analizou se é certo que as persoas de ollos claros ven mellor na escuridade.