O grupo municipal Ourense en Común solicitaba en xunta de área explicacións sobre o estado de abandono da oficina da Policía Local na Praza da Ferreiría.
“Se como alegaban no pasado a redución do número de policías locais impide prestar o servizo de custodia nesa oficina o lóxico sería pechala e non seguir pagando o seu aluguer durante nove meses sen uso ningún. Iso ou amortizala con novos usos”. Con este argumento Ourense en Común presentaba na Xunta de Área de Benestar e Persoal desta semana unha batería de preguntas desprendidas da análise comparativa das memorias da Policía Local anos 2013 e 2014.
“Observamos con moita preocupación a baixada no número de efectivos no ano 2014 e a supresión de varios servizos”. Deste modo Ourense en Común apunta a redución de ata nove policías e un oficial como causa da supresión de servizos anteriormente prestados como a patrulla rural ou a propia custodia na oficina do centro histórico.
“Dunha análise en detalle das memorias presentadas pola Policía Local despréndese varias conclusións. A principal é o enorme esforzo que debe concentrar este persoal en materia de estacionamento e vados, un servizo que noutras cidades pode ser prestado por axentes de mobilidade”. Unha figura presente en cidades como Madrid que, sen a categoría de Policía, axuda en materia de mobilidade ao funcionariado municipal “Isto permitiría liberar persoal para atender outras intervencións que deberían ser prioritarias como violencia de xénero ou outras moi demandadas polas veciñas de Ourense como a medición e sancións en materia de ruídos”.
Malia a todo o anterior dende Ourense en Común fan unha avaliación positiva da actividade da Policía Local, pois “con menos persoal conseguiron unha redución xeralizada do número de intervencións que queremos entender como a materialización dunha maior seguridade cidadá e non como o resultado dunha carencia de persoal”.