O Concello de Ourense fará un desembolso de 416.337,98 euros o vindeiro mes para abonar parte da paga extra que se lle debe aos traballadores municipais desde decembro de 2012.

Esta foi unha das medidas adoptadas na Xunta de Goberno Local (XGL) celebrada este xoves da que deu conta o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en rolda de prensa. O pago de parte desta extra -quedaría o 50%, que se realizaría en 2016- realizarase na vindeira nómina, correspondente ao mes de decembro.

Ocupación de vía pública
No relativo á Concellería de Comercio, A Xunta de Goberno Local aprobou os criterios que rexerán a ocupación da vía pública para diferentes actos e actividades. “Mentres no se aproba unha ordenanza específica para este asunto, aplicarase un protocolo de actuación que compila os criterios que establecen as diferentes leis de ámbito administrativo para a ocupación de vía pública”, explicou o alcalde. “Noutras palabras, supón clarificar pautas e normas de funcionamento tanto para o público como para os traballadores deste Concello”.

Deste xeito, todas as solicitudes se deberán presentar por Rexistro Xeral do Concello cun prazo mínimo de 10 días hábiles á data o evento. A documentación esixida será a instancia debidamente cuberta, o seguro de responsabilidade civil e o xustificante de pago da taxa municipal correspondente. Ningún acto poderá ser autorizado por un período superior a unha semana, salvo os promovidos polo Concello e debidamente xustificados pola Concellería responsable mediante informes técnicos. No caso concreto das ocupacións da Rúa do Paseo, valorarase pola Concellería de Comercio a saturación desta rúa e se poderán desviar actividades para outros puntos da cidade. Tomando como referencia os informes da Policía Local, a dimensión máxima de ocupación será de 3 metros de ancho, quedando limitado o longo en función dos informes emitidos polos servizos técnicos competentes.

En ningún caso se permitirá a venda de produtos salvo nas feiras organizadas polo Concello, as actividades incluídas na ordenanza de venda ambulante: polbo, castañas, churrerías, rosquillas no San Lázaro, Ramos e Entroido, as velas en Fátima, casetas de xeados, mercadillos solidarios que estean debidamente xustificados, así como cupóns con fins benéficos. Todas as solicitudes presentadas estarán sometidas a informe da Policía Local e de todos aqueles servizos dependendo da actividade a realizar. Estarán exentos de informes todas aquelas mesas informativas que non excedan de 2×2 metros cadrados.

Contratación
A XGL aprobou a ordenación decrecente das ofertas presentadas para a contratación mediante procedemento aberto do servizo de préstamo de bicicletas do Concello de Ourense, paso previo á súa adxudicación definitiva. A oferta mellor valorada, con 100 puntos da valoración económica, foi a de San Mamede Bike, S.L., cun prezo ofertado de 50.067 euros.

PERI
Aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións do Programa de Rexeneración e Renovación Urbana para as ARRUS (antes coñecidas como ARIs) do Casco Histórico, Núcleo de Seixalbo, Polvorín – Camelias – A Carballeira e Serra San Mamede – Cruceiro Quebrado – A Inmaculada. Aprobada esta convocatoria, ordenouse a publicación da mesma no BOP.