Edificio xudicial

Esta actuación suporá un aforro importante no consumo e, ademais, ofrecerá un maior confort aos usuarios e aos profesionais.

A Xunta de Galicia, dentro do programa de mellora da eficiencia enerxética dos edificios públicos, vén de anunciar a próxima instalación de lámpadas de tecnoloxía “led” de baixo consumo e de termostatos nas oficinas xudiciais do novo edificio xudicial de Ourense. En concreto está previsto a instalación de 34 termostatos e preto de 300 luminarias “led”.

Esta actuación suporá un aforro importante no consumo de enerxía, contribuirá á redución nas emisións de gases efecto invernadoiro, e conseguirá un maior confort para os usuarios e os profesionais. A Dirección Xeral de Xustiza decidiu acometer este proxecto de substitución das luminarias diante dun estudo económico que indica que, na actualidade, no mercado existen produtos a prezos asequibles que ademais de supoñer un importante aforro do consumo enerxético, proporcionan unha mellor calidade na luz. Hai seis anos, cando se executou o proxecto de construción deste inmoble, as lámpadas “led” tiñan un custo moito máis elevado.

Cómpre lembrar que as medicións dos niveis medios de luz realizadas nos postos de traballo certificaron o cumprimento dos niveis esixidos legalmente. A Xunta decidiu realizar axustes na iluminación, ademais de por aforro enerxético, para perfeccionar a uniformidade da intensidade lumínica en todas as estancias e así garantir unhas condicións de traballo favorables superiores ao esixido na normativa.

Ourense conta, desde a posta en marcha do novo inmoble, cun edificio que ten 15 salas de vistas para 17 órganos xudiciais e que permitiu reubicar nel todos os xulgados, que ata a súa inauguración estaban dispersos, amais de estar ordenados por plantas e xurisdicións co obxectivo de optimizar o seu funcionamento e facelo máis cómodo tanto para os cidadáns.