O Museo Municipal de Ourense muda as exposicións marcando o comezo da segunda parte da programación co Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, o ensaio de Iván Merayo e A Raia, un documental que chega a Ourense da man do festival internacional dos Encontros da Imagem.

 

Como xa é costume cando o festival galego de fotografía chega ao seu ecuador, os espazos expositivos comezan a mudar as exposicións para dar pé á segunda parte da programación. Como fora xa no seu comezo o pasado mes, o Museo Municipal marca ese arranque do último tramo do Outono Fotográfico.

Catro novas “Periferias” enchen as paredes do Museo que convoca á cidadanía a partillar cos autores e autoras na inauguración deste venres. Na sala principal, comparten sala as dúas exposicións resultantes da segunda convocatoria do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que son a particular visión do circo de Berto Macei co seu “Le cirque Noir”, e o documental de Jose Romay “Rururbania Salnés”. As dúas exposicións acompáñanse dun libro que pode adquirirse vía online.

A Sala Fondos está ocupada polo traballo feito a proposta do curador da Sección Oficial, Vítor Nieves, polo que é unha mostra producida por e para o festival. “Je ne baise plus” é un ensaio de Iván Merayo sobre a violencia machista. A mostra non só está composta de imaxes, senón que se acompaña dun texto de Eva Ferreira. As fotografías, cunha linguaxe sutil, debullan os diferentes odios que sofren as mulleres de todas as sociedades do mundo baixo o imperio do patriarcado.

Unha última exposición ocupa a Sala Xulio Prieto Nespereira cunha particular montaxe deseñada polo seu curador, Pedro Leão. “A Raia” é un documental fotográfico do Colectivo que fai un mapeamento nos lugares fronteirizos entre Portugal e os diferentes territorios do Estado español que trata de analizar o constructo irreal dunha frontera criada sen ter en conta as culturas e os xeitos de vida. O Colectivo está formado por António Pedrosa, Lara Jacinto, Miguel Proença e Tommaso Rada, todos eles fotógrafos documentalistas portugueses que teñen a vontade de seguir este traballo en todas aquelas fronteiras da Europa que separen a países con lazos culturais inquebrantábeis. Esta exposición chega ao Outono Fotográfico a través do acordo de intercambio con festivais internacionais, neste caso cos Encontros da Imagem, co que o festival galego leva catro anos afianzando as colaboracións.

Esta venres ás 20.15 horas inauguraranse as catro exposicións cunha visita guiada feita polos propios autores e autoras e os curadores.