Presentación 3º Foro da Comunicación

O teórico da comunicación Miquel de Moragas impartirá a conferencia inaugural e o director do xornal ABC, Bieito Rubido, a de clausura.

Servir de punto de encontro para os profesionais vencellados a comunicación dende as súas distintas vertentes, presentar as iniciativas emprendedoras que se están a desenvolver na actualidade en Galicia e transmitirlles ás empresas da necesidade de contar con servizos de comunicación (propios ou externos) realizados por expertos. Estes son os obxectivos do 3º Foro da Comunicación de Galicia que se celebrará en Expourense o vindeiro mércores 25 de novembro e que ofrecerá un completo programa de conferencias e obradoiros orientados a analizar a situación actual que atravesan os profesionais da comunicación, márketing e publicidade e a poñer en valor as oportunidades laborais xeradas por un sector que afecta de xeito transversal a todo o tecido socioeconómico.

Co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e o apoio do IGAPE e da Secretaria Xeral de Medios, esta terceira edición do Foro da Comunicación de Galicia contará coa participación dunha quincena relatores entre os que se inclúen profesores universitarios, xornalistas, empresarios, emprendedores e representantes da administración. Un dos obxectivos desta edición é tamén orientar aos titulados e especialistas en xornalismo, publicidade ou marketing a apostar polo emprendemento e o autoemprego, mediante proxectos relacionados coa comunicación. Por todo elo, serán expostos novos proxectos vencellados a iniciativas emprendedoras neste sector e impartiranse obradoiros formativos e prácticos que correrán a cargo de profesionais como Xosé Luis Reza, presidente do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia, e que versará sobre “Co-marketing”. Pola súa parte, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, Alberto Dafonte, impartirá outro obradoiro sobre un tema de plena actualidade titulado “Why We Share. Claves para entender a viralidade”.

Programa de conferencias
A conferencia inaugural do 3º Foro da Comunicación de Galicia estará impartida polo presidente da Asociación Española de Investigación da Comunicación e impulsor da creación da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona, Miquel de Moragas Spà, toda unha referencia no eido da teoría da comunicación. O programa continuará cunha ponencia sobre “A comunicación científica como unha nova vía para o xornalismo” que estará impartida por Manuel Gago, profesor da Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela e director do portal do Consello da Cultura Galega.

A continuación terá lugar a presentación de novos proxectos vencellados coa comunicación de Galicia no que será presentado o recentemente creado Clúster da Comunicación Gráfica, o novo Campus CREA S2i do Campus de Pontevedra, ou a nova etapa da Asociación da Creatividade Galega. Tamén será presentadas iniciativas pioneiras como “Opennemas” , unha empresa ourensá de comunicación aberta en Internet na que traballan máis de 5.000 xornais de todo o Mundo.

O 3º Foro da Comunicación de Galicia volverá a insistir nun dos seus obxectivos fundamentais: concienciar ás empresas de contar con servizos de comunicación profesionais que leven a súa comunicación corporativa, as redes sociais e a relación cos medios, ben a través dun gabinete propio ou ben a través da contratación dunha consultora externa. Directivos de dúas das consultoras de comunicación máis importantes de Galicia, IDEO e Atrevia, participarán neste encontro.

A sesión de tarde estará centrada na comunicación para o desenvolvemento, a solidariedade e a cooperación organizándose para elo unha mesa redonda na que participará a subdirectora xeral de cooperación exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero, e o xornalista especializado en cooperación e fundador da ONG Reporteiros Galego Solidarios, Juan de Sola. Será nesta mesa na que será presentado tamén o proxecto de termalismo solidario “Smiley Water” promovido pola Deputación Provincial de Ourense coa colaboración de Cruz Vermella e Expourense.

A conferencia de clausura será impartida por un xornalista galego destacado. Nesta ocasión o elixido será Bieito Rubido, actual director do diario ABC. A súa intervención analizará o “Panorama Político Español ante as Eleccións”.

O programa de conferencias completarase cun área expositiva na que distintas asociacións profesionais e empresas presentarán os seus produtos e servizos no eido da comunicación.

Entrega III Premios á Comunicación Innovadora de Galicia
No marco do 3º Foro da Comunicación de Galicia convocouse a III edición dos “Premios á Comunicación Innovadora de Galicia” que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación, fomentando con elo o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega.

A asistencia ó 3º Foro da Comunicación de Galicia é gratuíta pero precisa de inscrición previa a través da web www.expourense.org, enviando un mail a rrpp@expourense.org ou chamando ó 988 36 60 30.