O grupo municipal solicita que o Concello non penalice ás entidades non lucrativas.

A Xunta de Goberno local deste xoves aprobou un protocolo no que se recollen as condicións de ocupación da via pública en Ourense, facendo especial fincapé nas actividades que se dispoñan na rúa do Paseo. Para desenvolver calquera das actividades contempladas no ámbito de aplicación do protocolo será necesaria a presentación, ante o concello, do impreso regulamentario, do seguro de responsabilidade civil e do pago das taxas.

Ourense en Común entende a necesidade de regularizar e homoxeneizar a situación en aras a dar orde ao uso que se faga da via pública, pero considera necesario atender ás diferentes casuístas tendo en conta ás entidades sen ánimo de lucro da cidade que realizan actividades, ben lúdicas ou ben de información, de xeito altruista e dando cobertura, na maioría dos casos, ás distintas carencias que presentan as administracións públicas á hora de atender os servizos en materia social, cultural e medioambiental, principalmente. “Con estas medidas o Concello de Ourense penaliza a aqueles colectivos que, como as asociacións, realizan actividades na rúa para dinamizala. Pensemos en moitas das datas nas que celebramos acontecementos sociais, culturais ou ambientais ao longo do ano”, comentan desde o grupo municipal.

A ordenanza fiscal nº15 do concello de Ourense, reguladora das taxas por aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público local, establece no seu Epígrafe E) o Importe da Tarifa xeral marcado en 0,45 €/m2/día. “Esta cifra que a priori parece asumible non o é para o caso da celebración de certos tipos de actividades culturais sen ánimo de lucro non participadas polo concello e que precisan, loxicamente, moito máis dun metro cuadrado para a celebración das mesmas, convertíndose nunha sanción malia a estar suplindo carencias de programación municipal”.