No día Mundial da Infancia, a Cruz Vermella instalou unha carpa no Paseo.
O CCA Ourense Centro, a través dos máis de 150 establementos asociados, colabora na difusión do Programa de Acollemento Familiar da Cruz Vermella de Ourense, mediante a posta a disposición dos seus clientes de folletos informativos sobre o acollemento e os seus beneficios a partir do 20 de novembro, día no que se conmemora o Día Mundial da Infancia.
A información proporcionada polos comerciantes, que se encargarán de difundila ao longo de toda a semana, dá a coñecer en que consiste o acollemento como medida de protección para nenos, nenas e adolescentes, a súa finalidade e cales son os requisitos para facerse familia acolledora.
O Centro Comercial Aberto Ourense Centro tamén estivo presente na mesa informativa sobre o acollemento familiar, na que participou o presidente da entidade, Luis Rivera, xunto con Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella e que foi atendida por persoal técnico e voluntario.
A colaboración de CCA Ourense Centro coa Cruz Vermella de Ourense enmárcase no programa de accións postas en marcha dende a asociación de comerciantes e en colaboración con entidades que desenvolvan accións de sensibilización social e fomenten valores solidarios cos que se identifica o comercio do centro da cidade.