Premios da DO Ribeiro no concurso de pinchos

A Denominación de Orixe Ribeiro participa no concurso «Sabores de Outono» ofrecendo como premio unha cata maxistral.

O C.R.D.O. Ribeiro, como patrocinador da 8ª edición do Concurso de Pinchos de Outono “Sabores de Ourense”, que se desenvolve ata o 29 de novembro en 53 establecementos da cidade, na súa maioría situados na zona de viños, pero tamén participan da zona Centro, San Francisco, Mariñamansa, Ponte, O Vinteún, Lagoas e Zona Termal, ofrece aos consumidores dos pinchos que os desfruten con viño do Ribeiro, a posibilidade de gañar unha cata maxistral con viños especiais na capital do Ribeiro, Ribadavia, para el e nove dos seus amigos.

Aquelas persoas que queiran optar ao premio, deberán escribir na papeleta de votación dos pinchos, a referencia do viño branco ou tinto pertencente á Denominación de Orixe Ribeiro coa que acompañou cada un dos pinchos e solicitar ao local que tamén llo sele.

Ademais, o local do que proveña a tarxeta gañadora tamén levará premio, será galardoado coa montaxe dunha cata maxistral para 10 persoas, persoal do establecemento ou clientes, nas súas instalacións impartida do director técnico do Consello Regulador, Pablo Vidal.

Con esta proposta, o Consello Regulador pretende que a capital ourensá aposte polos viños do Ribeiro para acompañar os petiscos de outono de altísima calidade elaborados polos establecementos, que ben inclúe castañas ou cogomelos.