Os premios serán entregadas no transcurso dunha gala esta noite no Auditorio Municipal de Ourense.

Xa se coñecen os vencedores do 20º Festival de Cine Internacional de Ourense. «Techo y comida», de Juan Miguel del Castillo , foi a gañadora da Calpurnia á mellor película do certame, «por plasmar dunha maneira realista historias frescas da rúa nun contexto de crise social», indicou o xurado, composto polos actores Frank Feys e María Vázquez, a guionista Araceli Gonda, o director Alexandre Powelz e a produtora  Marta Figueras.

O Premio Carlos Velo ao mellor director recibirao Bernardo Arellano por «El comienzo del tiempo», «por unha historia incriblemente dramática nun tono satírico e conmovedor». A película recibiu, asemade, o premio do público. E o premio especial do xurado foi para Antonio Pérez Carbajal, protagonista deste filme, «porque aos seus 92 anos dálle frescura a un personaxe a través dunha historia tan dramática como a súa persoal».

A mellor interpretación foi a de Marta Belaustegui en «La decisión de Julia», «por saber transmitirnos a profundidade dun personaxe nunha situación límite». Ademais, o xurado tivo unha mención especial para Hannah Murray polo seu papel en «Bridgend» «interpretando un personaxe complicado, nunha atmósfera depresiva e coa que permite abrir unha porta á esperanza».

O Premio ao mellor guión será para Pablo Bardauil por «La vida después» «por ser capaz de describirnos a través do seu guión o que é o amor despois do amor».

Proxeccións este domingo

As películas gañadoras neste 20 OUFF serán proxectadas de novo no Auditorio este domingo. Ás 17:30 horas «El comienzo del tiempo» e «La vida después», ás 20 horas, «Techo y comida» e «El Comienzo del tiempo», e ás 22:30h «La decisión de Julia» e «Techo y comida».