O grupo municipal sortea as entradas con acompañante que como grupo municipal o Concello puxo a disposición das súas concelleiras para o festival Voces Femininas 2015.
“Entendemos a importancia e o papel de representación que temos que asumir dende o momento que pasamos a formar parte da corporación municipal, pero non entendemos porque temos que ter unhas condicións e un trato diferente ao resto das veciñas de Ourense”. Con este argumento Ourense en Común defende a súa postura de aceptar todos os convites para asistir a actos públicos como membros da corporación municipal pero avisan que esta debe facerse nun marco de ausencia de privilexios con respecto ás demais persoas asistentes.
A renuncia a estas entradas responde a que estas prácticas supoñen un incumprimento do Código Ético de Ourense en Común. Un documento no que se recolle a obrigatoriedade destes a renunciar a calquera privilexio ou agasallo polo seu cargo.
“Asistimos a moitos eventos que Ourense en Común apoia e seguirá apoiando malia a ter moitas discrepancias coa súa xestión. O último caso foi o XX Festival de Cine Internacional desta fin de semana, pero fixémolo en pé de igualdade co resto das nosas veciñas rexeitando as zonas acoutadas ou reservadas”. Deste modo dende Ourense en Común apuntan a que “no caso de tratarse de eventos nos que sexa necesaria a adquisición dunha entrada non aceptaremos privilexios e aboaremos a cantidade necesaria para acceder”. Razón pola que renuncian aos convites personalizados para asistir ao Festival Voces Femininas deste xoves no Teatro Principal e sortearán os seus pases entre todas as veciñas que queiran participar na rifa.
O procedemento para o sorteo pode consultarse na súa páxina web e toma como referencia o sorteo da ONCE do mércores 25 que será o que determine a papeleta gañadora dividindo o número premiado entre as rifas participantes e o resto que quede desa división será o primeiro con entradas, ordenando tamén as seguintes papeletas premiadas. O prazo para participar remata o mércores 25 ás 20h.