Faino, sen formar parte dela, por considerala a única que pode dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas municipais de maio.
O grupo municipal de Ourense en Común vén de explicar os motivos polos que non se integrará na candidatura En Marea de cara ás eleccións xerais doe 20D. “A construción dunha alternativa a escala municipal impediu unha participación máis activa nos procesos de confluencia supramunicipal”, detallan.
Non obstante, decidiron no seu órgano plenario de toma de decisións, a Asemblea en Común, por unha ampla maioría superior aos 2/3, apoiar esta candidatura para os vindeiros comicios, xa que “malia a detectar déficits de participación e transparencia na súa construción só esta pode dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas eleccións municipais”, aclaran.
Así, apoian as listas de En Marea ao Congreso e o Senado, “recoñecendo a súa pluralidade”, pero deixan claro que “Ourense en Común non foi participe da súa elaboración”.
Por último, o grupo municipal anuncia o seu compromiso para colaborar na futura construción dun espazo de confluencia amplo, aberto á participación e transparente para as eleccións ao Parlamento de Galicia do ano 2016.