Esta iniciativa do Concello busca implicar a toda a sociedade na loita contra esta lacra social.

 

Máis aló das habituais campañas institucionais que adoitan conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero (25 de novembro) en espazos pechados e con actos nos que non está implicada a cidadanía, o Concello de Ourense artellou este ano un acto institucional innovador no que se uniu o compoñente institucional -a lectura dun manifesto consensuado entre todos os grupos-, o reivindicativo -mediante unha recreación teatral a cargo de Trócola e unha canción de Emilio Rúa-, e o factor da visibilización, mediante a impresión en 12 pasos de peóns de frases de cancións alusivas á violencia de xénero. As frases son extractos de obras de Luz Casal, Sés, Manuel Carrasco, Pasión Vega, Antonio Martínez Ares, Guadi Galego, El Sueño de Morfeo, Amancio Prada e Rosalía de Castro.

Estas frases estarán nos pasos de peóns da rúa Progreso (Alameda-Bispo Cesáreo e Correos); no Xardín do Posío hacia Marcelo Macías; Progreso con Xoan XXIII; na Praza Concepción Arenal, no inicio da rúa Progreso; Pena Trevinca con Pena Corneira; Ervedelo con Vila Real; Avenida de Santiago a carón do IES 12 de outubro; rúa Nova con Doutor Temes na zona universitaria; Celso Emilio Ferreiro con Manuel Pereira; Bedoya con Paseo; Bedoya con Valle Inclán.

Con esta iniciativa, o Concello quere facer unha reflexión colectiva sobre o compromiso que implica a toda a sociedade contra a violencia de xénero e, complementariamente, a acción contribuirá nunha clave creativa a facer a localidade máis amable, invitando á cidadanía a recuperar o gusto por ser paseantes e non viandantes fugaces que transitan ás presas. E así, revivir o pracer de disfrutar dun tránsito apacible polas rúas, con estímulos creativos amables que inviten á beleza e á harmonía.

Con carácter previo a este acto, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, en compaña de membros da Corporación Municipal, deu lectura ao manifesto do Concello de Ourense, consensuado por todos os grupos políticos.