Unha quincena de expertos analizaron o presente e o futuro da comunicación, o marketing e a publicidade poñendo en valor que sexan realizados por profesionais.

Só o 20% das pequenas e medianas empresas de Galicia teñen profesionalizada a súa comunicación. O 54% dos empresarios galegos non valoran a función da comunicación na empresa e só un 29% estarían dispostos a investir en comunicación realizada por profesionais. Con este panorama sobre a mesa, celebrouse este mércores en Expourense a terceira edición do Foro da Comunicación de Galicia onde unha quincena de profesionais da comunicación, a publicidade e o marketing, defenderon a posta en valor da comunicación como un investimento e non coma un gasto. Insistiron ademais na necesidade de que estes servizos estean realizados por profesionais e que para competir nun mundo globalizado e ser responsables cos clientes e usuarios, as empresas deben incluír á comunicación no seu orzamento, ben a través da contratación en plantilla ou a través dos servizos contratados a unha consultora externa.

Premios
O programa deste 3º Foro concluíu coa entrega da terceira edición dos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación, fomentando con elo o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega. A esta entrega de premios contou coa presenza do vicepresidente da Deputación , Rosendo Fernández, e da delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira.

Nesta ocasión o premio á Estratexia de Comunicación Empresarial desenvolta por unha PEME recaeu na axencia de publicidade Quattro IDCP da Coruña, responsable da campaña “Sex Invaders”, un proxecto para Facebook da Consellería de Sanidade para divulgar información preventiva sobre as infeccións de transmisión sexual. O premio á Comunicación dixital no sector do xornalismo foi para a revista online “GCiencia” creada por Ciencia Galega Industrias Creativas S.L.(Vigo).  E a distinción especial “Novos Talentos” rematou sendo para o “Proxecto Pilgrim” da empresa coruñesa Pilgrim Solutions. Trátase dun proyxecto tecnolóxico para facer chegar o Camiño de Santiago e o Turismo de Galicia a todos os rincóns do mundo.